A nosa "Cooperation League"
Esta situación de aprendizaxe, baséase no Sport Education Model ou Modelo de Educación Deportiva, de Daryl Siedentop (1994). Dito modelo pretende que o alumnado sexa máis culto, competente e entusiasta por e para o deporte; conseguindo mellorar non só os coñecementos deportivos, experimentándoos dun xeito máis autónomo e responsable, senón tamén, transmitindo valores sociais positivos.
Preténdese levar ás clases de E.F. unha experiencia o máis real posible, de como funciona un equipo nunha competición de verdade, aprendendo o seu funcionamento interno e como se organiza a propia competición. Deste xeito, o alumnado vai ser máis competente no xogo; máis culto, coñecendo os rituais e valores do deporte; e máis entusiasta porque vai vivenciar outros roles dentro do deporte, como os de persoa adestradora, árbitra ou encargada de campo.
Algúns dos grandes problemas que se adoitan atopar nas competicións son o exceso de agresividade no xogo e o pouco respecto aos rivais e aos árbitros. Por iso, hai que ensinar ao alumnado un modelo onde o importante sexa o equipo, e onde o respecto aos árbitros e aos rivais sexa algo fundamental para poder gozar do deporte de competición.
Por todo iso proponse, a Cooperation League, para facer fincapé na importancia do traballo cooperativo de equipo e que funcione mellor: "Todas as persoas son importantes e necesarias dentro do equipo".
O sistema de puntuación desta liga mostra esta idea. Os puntos de equipo teñen moito máis valor que o resultado do propio partido. Tamén se puntúa o respecto ao xogo e aos rivais, é dicir, o Xogo Limpo ou Fair Play, seguindo os valores do Espírito Olímpico que se queren transmitir como a base para ser un bo deportista.
Unha experiencia positiva e respectuosa cos demais pode ser unha ferramenta máxica para aumentar o gozo da práctica deportiva e pode contribuír a redución da conflitividade nos recreos, nas clases de E.F. e, tamén, nas competicións oficiais do alumnado fóra do centro.