Saltar navegación

3. Guía de uso

O patio en festa

"O patio en festa" é unha situación de aprendizaxe que parte dunha análise do patio do colexio, tanto física (diferentes espazos) como das actividades que se realizan nel. Ten como finalidade crear un espazo no patio onde situar a actividade musical no tempo de lecer a través do coñecemento da música latina. A práctica instrumental terá como eixo vertebrador a batucada, propia do Entroido, e catro das principais danzas deste estilo: a cumbia, o chachachá, o merengue e a salsa. O alumnado deberá organizar unha sesión de música latina para o patio, dándolle a oportunidade ao resto dos discentes do centro de achegarse e desfrutar da música latina escoitando e bailando os estilos presentados. A través das diferentes fases, repasaranse os coñecementos previos e conectaranse cos novos contidos precisos para acadar o reto final. 

Pretendemos que o alumnado coñeza a música latina ao mesmo tempo que a goce compartíndoa no tempo de lecer nun espazo para tal fin. O feito de atopar o lugar axeitado outorga a posibilidade de permanencia da actividade musical no tempo de lecer despois da realización deste REA con outros estilos ou prácticas musicais, pero que se consolide a presenza da música no patio. O traballo grupal e a colaboración entre equipos son claves nesta situación de aprendizaxe. Coa realización do REA, o alumnado achégase aos contidos dun xeito práctico e a través dun enfoque competencial, desenvolvendo a súa autonomía, a iniciativa e a súa capacidade de organización. 

As fases deste proxecto foron deseñadas tendo en conta os principios do DUA. Coa finalidade de facilitar o acceso á información e, tendo en conta as diferentes realidades individuais do alumnado, achéganse lecturas facilitadas e planifícanse actividades multinivel ao longo de todos os bloques. Ademais hai audios das diferentes seccións para a diversidade auditiva, así coma un achegamento aos SAAC con pictogramas de epígrafes destacados. As actividades musicais a realizar, tanto rítmicas como de baile, posúen sempre unha gradación de dificultade garantindo dito multinivel e a participación de todo o alumnado no reto proposto. Ademais, achéganse elementos visuais para o ensino das coreografías por imitación, favorecendo as aprendizaxes a través de videotitoriais. As tarefas musicais a realizar están guionizadas en pasos para evitar o erro e achegan diferentes formas de representación e expresión como partituras, vídeos, explicacións, imaxes etc.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)