Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
- Ordenadores.
- Auriculares.
- Caderno de aula.
- Material reutilizable como instrumentos.
- Micrófonos (opcional).
- Mobiliario preciso para o escenario (se é preciso).
- Equipo de son.
Interpretación da batucada
Os ritmos da batucada están deseñados tendo en conta diferentes niveis de dificultade. Respectaranse os ritmos de aprendizaxe do alumnado e as súas preferencias.
Garántese que esta sexa unha actividade multinivel ofrecendo ritmos básicos xunto con outros máis elaborados para que todo o alumnado poida participar no seu nivel.
Os ritmos proporcionados poden ser modificados polo docente que aplique este REA en resposta á realidade educativa do seu grupo clase.
Recoméndase empregar botes de pintura resistentes e de diferentes tamaños, bidóns para os sons graves e, para facilitar a interpretación, disporanse enriba de cadeiras para que a altura sexa a axeitada para tocar de pé.
As baquetas poden ser de batería ou paus.
Interpretación dos pasos de baile
Cando se traballan os catro estilos de música latina (cumbia, chachachá, merengue e salsa), propóñense pasos básicos para montar unha coreografía. Estes pasos preséntanse a través de vídeos a modo de titoriais con estética "just dance". Isto ten unha dobre función: por un lado, motivadora, e por outra banda, están pensados para que a mesma actividade sexa multinivel, con diferentes dificultades. Pero tamén, cun aporte audiovisual para favorecer o DUA a través dos procesos de imitación baixo representación. Con estes videotitoriais elimínanse barreiras, ofrecendo múltiples formas de acceder aos contidos, demostrando o aprendido e coa posibilidade de autoregulación. A actividade non dá lugar a erro e polo tanto o produto final é personalizado en todo caso.
O formato vídeo inclúe epígrafes textuais e exemplos dos esquemas corporais. O estilo en pasos básicos facilita que o alumnado integre os contidos na medida da súa competencia, empregando diferentes músicas e estilos variados que permitan unha aprendizaxe multinivel.
Proponse a aprendizaxe dos pasos básicos de cada un dos estilos a través da imitación dos pasos nos vidos propostos.
Será necesario que, logo de aprender ditos pasos na clase de música, estes se trasladen ao tempo de lecer, aos patios, como ensaio. A clase de música conta cunha sesión semanal. Seguindo a temporalización deste REA cada semana traballarase un estilo. Logo de aprendelo na clase dito estilo pasará ao patio para ser ensaiado, tanto polo alumnado de sexto como polos demais cursos do colexio que queiran participar. Deste xeito, mentres ensaiamos para o reto final, despertamos o interese no reto final.
Despois das catro sesións, unha por estilo, contamos cunha a maiores como ensaio do aprendido de cara ao reto final.
Outras actividades
4.2. Antes da sesión. Actividade: Nos seus postos.
O mestre será o responsable final de repartir as diferentes funcións, garantindo a correcta distribución do alumnado. Na medida do posible, respectaranse as escollas do alumnado.
Para a lista de reprodución só será preciso unha persoa, pero quedará a criterio do docente.
5.1. Reflexionamos. Actividade: Cóntao.
Para escribir a carta a outros colexios queda a criterio do docente o soporte, é dicir se a carta é física ou se é un correo electrónico. Tamén decidirá a idoneidade de que a carta sexa individual ou grupal.
Diario de aprendizaxe: Ao longo de todas as fases, o alumnado fará as súas reflexións no diario de aprendizaxe. Este documento non será avaliado.
Enfoque multinivel do reto
As tarefas precisas para acadar o reto están multiniveladas para poderse adaptar á diversidade do grupo.
Nas interpretacións musicais poderán asignarse os diferentes instrumentos e ritmos en función da súa dificultade.
Cada estilo musical traballado no baile conta con diferentes pasos que van aumentando o nivel de dificultade. O alumnado ten a opción de traballar ata o nivel que poida desempeñar.
A configuración dos equipos de traballo son responsabilidade do mestre ou mestra que aplica este REA. Deberá ter en conta as características individuais do alumnado desde un enfoque inclusivo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
O alumnado traballará en pequeno (4/5) e en grande grupo (grupo clase). Fomentarase a autonomía dos mesmos creando un clima de confianza e respecto, facendo do erro unha oportunidade de aprendizaxe e mellora.
Valoraremos principalmente o proceso fronte ao produto final, atendendo a un enfoque competencial.