Unha luminosa Idade Media
Este Recurso Educativo Aberto (REA) comprende a proposta de unidades 2 e 3 de PROENS para o segundo curso da ESO da materia de Xeografía e Historia. Os contidos céntranse na Idade Media europea, dende o sistema feudal ata as manifestacións artísticas dos estilos románico, gótico e hispanomusulmán.
O alumnado terá como reto investigar e divulgar o patrimonio histórico-artístico máis próximo, centrándose se é posible nos monumentos medievais da contorna. Preténdese, por tanto, que o alumnado coñeza e sexa quen de poñer en valor o patrimonio cultural material.
O obxectivo é que entre todos e todas poñan a súa pegada na preservación do patrimonio da contorna, especialmente na de aqueles monumentos ou obras do período medieval. Para conseguilo, escolleran unha serie de monumentos dos que teñan máis preto e terán que investigar a súa historia, describir o seu estilo artístico e achegar a maior cantidade de información da que sexan capaces.
Para difundir toda esa información, terán tres opcións:
- Elaborar infografías dos monumentos
- Crear códigos QR e instalalos nos monumentos
- Facer unha planificación de itinerario de visitas
Este REA está especialmente vencellado aos ODS da Axenda 2030 números 4. Educación de calidade, 5. Igualdade de xénero e 16. Paz, xustiza e institucións sólidas.