Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:

    • O caderno de aprendizaxe.
    • Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información, e visualizar imaxes...
    • Material de papelería (bolígrafos, caderno...)

Entendemos que este material está dispoñible en todos os centros e resulta de fácil manexo por parte do profesorado.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Os grupos estarán formados por arredor de 3-4 persoas. Á hora de organizalos, o profesorado terá en conta os seguintes aspectos:

  • Procurarase un reparto equilibrado do alumnado, tendo en conta a diversidade de intereses, ritmos e formas de aprender, para evitar descompensacións entre grupos.
  • As tarefas repartiranse con claridade, evitando que unha única persoa asuma a maior parte do traballo.
  • Ao distribuír as funcións, garantirase que cada estudante poida participar activamente e contribuír de maneira significativa ao proceso.
  • O traballo desenvolverase nun clima de cooperación, respecto e escoita activa, favorecendo que todas as voces do grupo sexan tidas en conta.
  • Cada grupo elixirá unha persoa coordinadora, responsable da interlocución co profesorado.
  • Promoverase unha composición equilibrada por sexos, asegurando un ambiente coeducativo, igualitario e libre de prexuízos ou actitudes discriminatorias.

Produtos finais

O produto final do REA “A crise da Baixa Idade Media: cando algo se pode torcer... tórcese” consiste na realización, en grupos de traballo, de distintos artigos nos que, dunha maneira práctica, o alumnado se achegue ao coñecemento das diferentes crises baixomedievais. Entre todos eles, débese elaborar unha panorámica completa das diversas crises que caracterizaron a Europa ao final da Idade Media.

Cada grupo presentará aos demais o seu informe explicando as conclusións ás que chegaron durante as súas pescudas. Esta exposición é en si mesma parte avaliable do produto final, en aspectos como a organización do grupo para a presentación, o axuste ao tempo establecido, ou a fluidez e calidade da comunicación.

Finalmente cada un dos grupos deberá valorar o traballo dos seus compañeiros e compañeiras de grupo.

Enfoque multinivel do reto

O deseño do REA está pensado para responder ás distintas necesidades do alumnado, permitindo adaptar o proceso aos diferentes ritmos e modos de aprender.

Na selección das actividades individuais buscouse ofrecer propostas variadas, de maneira que cada estudante poida contar con tarefas axeitadas aos seus intereses e á súa maneira de traballar.

As actividades grupais foron concibidas para incorporar tarefas diversas, favorecendo que dentro de cada grupo se poidan repartir funcións que permitan a participación equilibrada de todas as persoas e unha contribución significativa ao traballo común. O profesorado acompañará aos grupos para garantir unha organización clara e cooperativa.

No que respecta ao reto final, proponse unha variedade de opcións para que cada grupo poida centrarse na que mellor se adapte ao seu enfoque, intereses e dinámica interna, contando co apoio do profesorado para orientar o proceso.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)