A crise da Baixa Idade Media: cando algo se pode torcer... tórcese
Estamos ante un REA (Recuso Educativo Aberto) pensado e realizado para aproximar aos alumnos e alumnas de 2º de E.S.O. ao coñecemento básico dos séculos XIV e XV europeos.
A través dos textos e as imaxes que os acompañan o alumnado poderá incrementar os seus coñecementos sobre a Baixa Idade Media e coñecer, tanto as diferentes crises que durante estas dúas centurias aconteceron (demográfica, agraria, política e relixiosa), como as consecuencias que estas tiveron ao longo do tempo.
Para que os alumnos e alumnas podan consolidar o aprendido e tomar un primeiro contacto coa investigación histórica, deberán resolver un reto proposto e mediante o cal, e tras estudar diferentes fontes que se lle proporcionarán, se converterán en xornalistas que competirán por redactar o mellor artigo na súa revista escolar.
Ao longo das 9 sesións de traballo nas que se desenvolverá este REA o alumnado deberá ser quen de acadar as seguintes metas de aprendizaxe:
- Saber que é a Baixa Idade Media.
- Coñecer cales son os aspectos nos que se manifesta a crise do século XIV.
- Recoñecer o impacto que a crise tivo na poboación europea.
- Tomar conciencia das consecuencias tivo esta crise a nivel político, social e cultural.
- Saber como os cambios producidos contribuíron a sentar as bases da Idade Moderna.
- Decatarse de como afectaron estes procesos a Galicia.
- Iniciarse na realización de pequenas investigacións dirixidas.
- Aprender a traballar en grupo.
Paralelamente ao fornecemento do coñecemento histórico, o traballo desenvolvido tamén contribuirá a acadar determinados obxectivos dos ODS entre eles, o 4 (educación de calidade), o 5 (igualdade de xénero) e o 17 (alianzas para acadar obxectivos).