Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.
Motivación para a abordaxe do REA
Neste situación de aprendizaxe, abórdase o entorno periodístico, cun enfoque gráfico (funcións matemáticas), tanto de lectura como de deseño e redacción.
Como porduto final, proponse a creación dun artigo para o periódico matemático El Mathington Post, baseado en datos reais, que inclúa a ecuación dunha función, a súa gráfica e unha ilustración.
O obxectivo é que o alumnado aprenda a interpretar e deseñar gráficas que conteñan información de situacións reais que se publican na prensa escrita, a través da lectura e da súa elaboración.
A motivación, que se explica na fase 1, xurde a través dun contexto periodístico no que o alumnado é o que elixe a nova que vai crear.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a ( 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.
Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrexibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrexibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.
Actividades en equipo
Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:
- Deben ser de de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar en actitude, pero sempre é mellor equipos pequenos).
- Preferiblemente heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade se fagan grupos homoxéneos.
- Os grupos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Materiais
Para algunhas das actividades grupais hai fichas de apoio para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:
Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, verificando que se entenderon. Media nos conflitos do equipo. Le o enunciado e a información relevante de cada apartado ao resto das persoas do equipo.
Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que estean todas as actividades feitas e da súa entrega en tempo e forma.
Responsable do material: encárgase de ter todo o material. Debe asegurarse de que cando se vaia a empezar a tarefa todo estea en orde para non perder tempo. Fomenta a participación das demais persoas do equipo.
Axudante: axuda no que faga falta. Se son equipos de catro persoas exerce de portavoz, e se son de tres, esta función pode facela a persoa coordinadora.
Estes roles irán acompañados das normas que habitualmente haxa na aula para manter a orde durante o desenvolvemento das actividades.
Os roles irán rotando a medida que se cambie de actividade.
Actividades individuais multinivel
O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.
Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.
O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.
Avaliación
O REA dispón, na fase 4, dunha rúbrica para avaliar o reto.
Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.
Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.
Produto final
O produto final é crear en grupo un artigo periodístico baseado en datos reais, que inclúa a ecuación dunha función, a súa gráfica e unha ilustración.
O feito de redactar un artigo coas características anteriormente mencionadas, implica traballar tanto a competencia matemática como a competencia en comunicación lingüística e o sentido socioafectivo.
No REA, facilítase unha ficha de traballo para a elaboración do borrador, unha plantilla para o artigo e un exemplo.
Apórtase unha rúbrica para avaliar o reto, e outra rúbrica para a exposición oral final, que deben ser coñecidas polo alumnado e aplicadas polo profesorado.
Enfoque multinivel do reto
Na elaboración do produto final (redacción dun artigo), poderán incluírse situacións de diferente nivel de complexidade, o que permite axustar a dificultade do reto.
Así mesmo, a elaboración do artigo permite traballar a creatividade e orixinalidade, permitindo ao alumnado implicarse emocionalmente co seu traballo.
Por outra banda, no caso de alumnado con altas capacidades, debería darse opción a elaborar artigos máis complexos que inclúan funcións non lineais. Neste, e noutros casos, a supervisión docente promoverá que cada grupo elabore un artigo no que desenvolva o seu potencial.
Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo, pois garante a aprendizaxe entre iguais e o apoio mutuo, permitindo que todo o alumnado poida contribuír de maneira activa ao desenvolvemento da proposta.