De puente a puente
Desagregando o REA
O REA "De puente a puente" fai un percorrido polos principais coñecementos dos sentidos da medida, espacial e socioafectivo que corresponden ao curso de 2º de ESO.
O fío condutor é a elaboración dunha proposta de restauración dunha construción tradicional relacionada coa auga, na contorna do alumnado. Esta proposta formalízase nun informe técnico en grupo, no que se integran contidos matemáticos (lonxitudes, áreas, escalas, representacións gráficas), análise patrimonial e reflexión sobre o uso dos espazos comúns.
O obxectivo é poñer en valor o patrimonio hidráulico galego e a súa utilidade social e histórica, ao tempo que se aplican as matemáticas nun contexto real, próximo e significativo para o alumnado.
O REA ten cinco fases ben diferenciadas:
- Descrición: "Arquitecturas del agua"
- Exploración: "La fuerza del agua"
- Conexión: "Rutas del agua"
- O reto final: "El estuario"
- Conclusión: "El remanso"
Na fase 1 o alumnado coñece diferentes construcións vinculadas á auga a través dunha aproximación histórica, cultural e visual. Esta fase introdutora busca xerar curiosidade e conciencia sobre a importancia do patrimonio vencellado á auga en Galicia, ofrecendo múltiples exemplos reais. Tamén é onde se describe o reto a acadar, a elaboración do informe sobre a construción.
Na fase 2 explórase a forza da auga e o seu impacto no medio natural e humano. O alumnado analiza conceptos como caudal, partes do cauce e a identificación de puntos REDNAP, interpretando datos reais e realizando conversións de unidades aplicadas á análise e comprensión dos espazos fluviais.
Na fase 3 trabállanse contidos de xeometría e medida a través de contextos vinculados ao patrimonio arquitectónico relacionado coa auga. Estúdanse propiedades e clasificación de figuras planas, deseño de mosaicos con simetría, posicións relativas entre circunferencias, segmentos e sectores circulares, cálculo de áreas de figuras simples e compostas, aplicación do teorema de Pitágoras, representación sobre retícula, uso de escalas, conversión entre unidades e estimación de custos. A aprendizaxe desenvólvese combinando recursos manipulativos e dixitais, integrando reflexións sobre a funcionalidade, estética e sustentabilidade das construcións no territorio.
Na fase 4 o alumnado elabora o informe técnico de restauración. Inclúe a xeolocalización, un resumo histórico, a planimetría, os cálculos necesarios e unha reflexión sobre a importancia da construción. Este traballo intégrase co aprendido previamente e require unha organización colaborativa.
Na fase 5 ponse en valor o aprendido mediante a exposición das súas propostas de restauración. Preséntanse os informes técnicos elaborados en grupo, favorecendo a comunicación oral, o pensamento crítico e a reflexión colectiva sobre o proceso seguido. Esta fase permite compartir coñecementos, valorar o traballo propio e alleo, e consolidar as aprendizaxes nun contexto significativo.
Os substratos do REA
O REA aposta por unha aprendizaxe baseada na observación e análise de construcións reais, combinando estética, funcionalidade e precisión matemática.
A “ruta da auga” serve como guía para introducir diferentes construcións e a xeometría maniféstase nestas cunha forte compoñente visual, explorando patróns, formas e estruturas presentes en fontes, muíños, pontes, balnearios ou fincas. Estes elementos permiten introducir conceptos como unidades de medida, a súa conversión, lonxitude, áreas de figuras simples ou compostas dun modo significativo. A representación en planos, retículas ou debuxos técnicos axuda a consolidar a orientación espacial e a interpretación de información gráfica.
Trátase de aprender observando e analizando, tamén sentindo, pasando logo a describir os elementos atopados. Ademais hai imaxes que motivan e fomentan a creatividade, así como vídeos e applets GeoGebra cunha intencionalidade concreta segundo o contido e o contexto traballado.
O REA aposta pola integración de diferentes procedementos: actividades manipulativas (recortes, construcións, dobrados), traballo gráfico con instrumentos de debuxo, e o uso de ferramentas dixitais como GeoGebra ou visores cartográficos. Esta diversidade metodolóxica permite atender á heteroxeneidade do alumnado e ofrecer múltiples vías de acceso ao coñecemento.
A conexión entre realidade, contido e representación garante unha aprendizaxe significativa e contextualizada. A reflexión e o pensamento crítico están tamén presentes, xa que se busca que o alumnado interprete, valore e actúe sobre a realidade: medindo, calculando, representando e argumentando solucións. O informe técnico final é a síntese deste proceso: unha proposta realista, fundamentada e presentada con rigor, que pon en xogo a competencia matemática de forma integrada e transversal.