Saltar navegación

1. Descrición xeral

De puente a puente

Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado adquira e consolide coñecementos do currículo de 2º de ESO sobre unidades de medida, lonxitudes e áreas a través da posta en valor do patrimonio galego relacionado coa auga: muíños, balnearios, pontes, termas, canles, regadío...

Para iso, traballarase o sentido da medida mediante a determinación das dimensións de distintas construcións vinculadas á auga e o cálculo das súas áreas mediante figuras planas e compostas; o sentido espacial, a través da interpretación e representación gráfica destes espazos e da súa organización sobre planos ou mapas; e o sentido socioafectivo, promovendo o traballo cooperativo, a toma de decisións compartidas e o respecto polo patrimonio cultural e natural galego.

Para acadalo, propoñemos que o alumnado, organizado en grupos e aplicando os coñecementos traballados ao longo do REA, poña en valor o patrimonio hidráulico da súa contorna mediante o deseño dun informe de restauración dunha construción relacionada coa auga (coma muíños, pontes ou balnearios) situada nun río próximo ao centro educativo ou á súa vivenda. O informe constará de: 

  1. Selección dunha construción real para restaurar.
  2. Xeolocalización e documentación da súa historia.
  3. Análise xeométrica da súa estrutura.
  4. Elaboración dun informe coas súas conclusións.
  5. Presentación ao grupo aula e, simbolicamente, ao concello.

As metas de aprendizaxe son:

  1. Recoñecer e clasificar diferentes figuras planas e compostas presentes en estruturas arquitectónicas relacionadas coa auga.
  2. Construír representacións gráficas e modelos sinxelos de elementos arquitectónicos.
  3. Comprender e aplicar as fórmulas para o cálculo de áreas en contextos reais.
  4. Desenvolver habilidades de representación bidimensional e visualización espacial.
  5. Utilizar estratexias de resolución de problemas relacionadas con situacións da vida real.
  6. Reflexionar sobre o impacto da xeometría na arquitectura, en particular, da arquitectura fluvial e hidráulica.
  7. Aprender a traballar en equipo, asumindo roles e responsabilidades para acadar un obxectivo común.
  8. Poñer en valor o patrimonio arquitectónico galego, recoñecendo a importancia das arquitecturas hidráulicas como elementos históricos e funcionais.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)