Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.
Motivación para a abordaxe do REA
Nesta situación de aprendizaxe proponse ao alumnado converterse en exploradores do patrimonio hidráulico da súa contorna a través dun reto real: identificar e propoñer a restauración dunha construción tradicional vencellada á auga (muíños, pontes, fontes, etc.).
A unidade xira arredor dunha viaxe pola “ruta da auga”, ofrecendo un percorrido contextualizado por diferentes elementos arquitectónicos e naturais dos ríos galegos.
Este camiño, que comeza na fase 1, motiva ao alumnado a observar a súa contorna con ollos matemáticos, integrando contidos xeométricos, de medida, lonxitude, superficies e representación gráfica destes elementos.
Para apoiar esta experiencia, o recurso inclúe múltiples imaxes ilustrativas, materiais descargables e applets interactivos de GeoGebra, que serven como apoio visual, manipulativo e dinámico para facilitar a comprensión dos conceptos matemáticos traballados, conectándoos co contexto real no que se aplican.
Actividades como Conviértete en zahorí ou a exploración dos usos históricos da auga convidan ao alumnado a reflexionar sobre a súa contorna e a recoñecer o valor cultural das construcións tradicionais vencelladas ao medio fluvial.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver a maior parte das actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a ( 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.
O recurso contempla outras actividades nas que o alumnado pode construír e representar conceptos matemáticos de forma manual.
Por exemplo, poden recortar e ensamblar figuras circulares inspiradas nunha vidreira histórica en Vidago; deseñar e debuxar un modelo de ponte triangular, identificando as súas partes principais; explorar conceptos de simetría e perpendicularidade dobrando un folio para deseñar unha varanda funcional; ou proxectar a forma dunha finca ideal distribuíndo espazos con criterios xeométricos.
Estas tarefas poden realizarse con materiais sinxelos (papel, tesoiras, regra, compás) ou co apoio de ferramentas dixitais como GeoGebra, ofrecendo así opcións manipulativas e tecnolóxicas para a construción do coñecemento. Tamén se engaden fichas de apoio para desenvolvelas.
Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrexibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrexibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.
Actividades en equipo
Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:
- Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
- É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
- Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Materiais
Para cada unha das actividades hai un material descargable que serve de apoio e, ao mesmo tempo, de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:
- Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
- Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
- Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
- Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
Se o quipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.
Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.
Actividades individuais multinivel
O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.
Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.
O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.
Avaliación
O REA dispón, na fase 4, dunha lista de cotexo do proceso de elaboración do informe da construción fluvial na que se marcan as diferentes partes que se van completando. Serve para que o alumnado identifique se se fixeron ou non as actividades relacionadas coa construción da maqueta.
Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o reto, outra para o traballo en equipo e outra para a exposición oral.
Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.
Produtos finais
O produto final do REA consiste na elaboración dun informe técnico en grupo no que o alumnado propón a restauración dunha construción tradicional relacionada coa auga situada nun río da súa contorna.
O alumnado disporá dunha ficha que o axudará no traballo en equipo a elaboración do informe (ver fase 4).
Enfoque multinivel do reto
O reto é doado de acadar, dado o carácter aberto da proposta de restauración, na que a única restrición que se indica é que debe tratarse dunha construción relacionada coa auga situada na contorna do alumnado. Estas poden ser muíños, pontes, fontes, lavadoiros ou calquera outro elemento patrimonial con valor histórico e funcional.
O feito de que as análises matemáticas, xeométricas e históricas das construcións se traballen nas fases previas permite que na fase final o alumnado se centre na redacción e presentación da proposta técnica.
Obviamente, haberá distintos niveis dentro da aula na asimilación dos contidos e na elaboración da proposta, polo que a persoa docente poderá adaptar o grao de dificultade: ben seleccionando construcións máis sinxelas ou permitindo máis liberdade na profundidade do traballo final.
A gradación virá determinada pola elección da construción e pola complexidade dos elementos matemáticos asociados (formas, medidas, representacións), polo que se recomenda unha supervisión inicial por parte do profesorado antes de iniciar a proposta final.
Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo, pois garante a aprendizaxe entre iguais e o apoio mutuo para que todo o alumnado poida contribuír de maneira activa ao desenvolvemento da proposta.