Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Este REA está deseñado para poder ser realizado con medios tecnolóxicos, xa que aporta variedade de actividades interactivas moi atractivas e adaptadas a todo o alumnado.
De non contar con ordenadores individuais, pódense realizar nos paneis interactivos de aula en gran grupo.
Neste REA inclúense todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado, como para o profesorado. No material inclúense plantillas en dous formatos:
- Editables (.odt e .odp): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios de forma directa no caso de dispor de ordenadores, aforrando ter que imprimilos.
- Formato .pdf: teñen como finalidade que se poidan imprimir e proxectar sen alteración no seu estilo.
Todas as actividades descargables no REA do alumnado, tanto editables coma non, levan ao seu carón o enlace para poder ser descargadas nos formatos indicados.
Diferentes documentos para o seguimiento das actividades: infografías, fichas prácticas, vocabulario, autoavaliacións, rúbricas…
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Ao longo do REA desenvolveranse actividades individuais, en parella, pequenos grupo base e gran grupo.
O tipo de agrupamento máis empregado será grupos base de 4 o 5 integrantes dependendo do número total da aula que realizarán actividades cooperativas ao longo do REA.
Os distintos grupos base tamén se interrelacionarán durante todo o proceso en diferentes situacións de escoita activa e reflexión e para expoñer as conclusións finais das tarefas propostas.
Produtos finais
O produto final consiste nunha instalación poética conxunta, un tellado. Estará formado polos poemas individuais do alumnado escritos e ilustrados nunha tella. A idea inicial é que se empreguen tellas orixinais de cerámica, de non ser posible, podemos adaptar a actividade e empregar cartón, cartulina, folios ou outros materiais de refugallo. A elaboración do tellado admite varias posibilidades: creación dun tellado de dúas augas en cartón ou similar con fendiduras marcadas para insertar as tellas; exposición das tellas colgadas. apoiadas nunha estrutura...
No apartado de recursos e solucións do REA, achegamos un documento con exemplos e pasos para facer un tellado.
Para a preparación do produto final propoñemos un obradoiro de escrita con varias tarefas a realizar nos equipos base, empregando diferentes técnicas de traballo cooperativo. Están deseñadas para que o alumnado poida aproveitar as diferentes producións para a súa tella.
As tarefas deste obradoiro consistirán na creación de poemas partindo de modelos que empregan diferentes recursos literarios e apoiándonos na base melódica e rítmica dunha canción.
O/a docente pode decidir empregar todas as propostas do obradoiro de escrita ou escoller as que máis lle conveña segundo a temporalización do mesmo do REA.
Esta composición poderá ser exposta na biblioteca do centro, ou nun espazo axeitado para goce da Comunidade Educativa.
Atención á diversidade
O modelo de traballo cooperativo permite asignar funcións acordes coas capacidades de cada quen, fomentando a formación entre iguais, pola que os máis capaces axudan aos que presente dificultades.
O entorno dixital no que nos desenvolvemos facilita que o alumnado realice tarefas graduais e moduladas acorde ás súas capacidades, podendo ampliar coñecementos ou centrarse en aspectos máis puntuais.
Nas sesións estaremos pendentes de asignar tarefas que consideremos realizables segundo o nivel do alumando.
O docente, nas actividades de grupos, prestará especial atención ao alumnado con máis dificultades, para asignarlles as tarefas máis axeitadas.
O REA contén actividades multinivel, seguindo a filosofía DUA, neste tipo de actividades o alumnado poderá escoller entre varias opcións a actividade que desexa realizar.
Na web de ARASAACC pódese acceder a pictogramas e recursos para a comunicación aumentativa e alternativa. Entre os seus recursos, conta con variedade de ferramentas en liña que permiten a creación de material adaptado sen instalar ningún software no computador. Como paquete instalable, ofrece “AraSuite”, un conxunto de ferramentas entre as que está “AraWord” un procesador de texto para a escritura simultánea de texto e pictogramas, o que permite a adaptación de materiais con facilidade.
Todas as publicacións e ferramentas desta web, propiedade do Gobierno de Aragón, créanse baixo Licenza Creative Commons (BY-NC-SA), autorizándose o seu uso para fins sen ánimo lucrativo sempre que se cite a fonte, autoría e compártanse baixo a mesma licenza.
As medidas de atención á diversidade levaranse en coordinación entre o equipo docente do alumando, o Departamento de Orientación e o equipo directivo.
Enfoque multinivel do reto
Variedade de recursos, adaptados os diferentes niveis do alumnado para que poidan escoller o seu nivel de competencia.
Tanto as tarefas intermedias como o reto final están pensados para que teñan diferentes niveis de dificultade axeitados a súa capacidade.
Desenvolveremos tres niveis de dificultade para os diferentes retos:
| Nivel de dificultade |
Retos fase 4 Textos (Poemas) |
Reto fase 5 Instalación poética |
|---|---|---|
|
Nivel 1 Básico |
- Realizar poemas nun modelo predifinido e trasladar a unha tella un deles cunha ilustración copiada ou propia. - Reproducir o vocabulario básico do REA. - Prestar atención á ortografía específica deste REA cunha guía diante. - Recoñecer os pronomes persoais, posesivos, demostrativos, indefinidos e numerais. - Ler os poemas con fluidez. |
- Participa na instalación poética seguindo ordes. |
|
Nivel 2 Intermedio |
- Crear poemas, atendendo a métrica e a rima, tendo ao seu alcance distintos modelos; escribir nunha tella unha creación propia ilustrada cunha idea propia. - Incorporar vocabulario novo ao empregado no REA nas súas producións. - Escribir os poemas con corrección ortográfica sen necesidade de ter presente as normas. - Empregar correctamente e recoñecer os pronomes persoais, posesivos, demostrativos, indefinidos e numerais nas súas creacións. - Ler os poemas con fluidez e entoación. |
- Participa na instalación poética recibindo ordes e facendo achegas propias ao grupo. |
|
Nivel 3 Avanzado |
- Crear sen ningún tipo de patrón poemas, atendendo á métrica e rima sen precisar modelo; escribir nunha tella unha produción propia e ilustrar o mesmo. - Incorporar vocabulario enriquecendo os textos e empregar diferentes recursos literarios coñecidos (metáforas, comparacións…) - Recoñecer e analizar pronomes persoais, posesivos, demostrativos, indefinidos e numerais en situacións concretas. - Ler con soltura, expresividade, entoación, acompañando con expresividade corporal os poemas do REA e ampliar as súas lecturas na Biblioteca de aula e de Centro. |
- Participa e organiza a instalación poética facendo achegas propias ao grupo. |
Categorías gramaticais
A aprendizaxe da gramática pode ser un proceso complexo e abstracto para o alumnado. Unha forma de facelo máis atractivo e efectivo, é utilizar imaxes e símbolos que representen as diferentes categorías gramaticais.
Beneficios das imaxes e símbolos:
- Fixación dos contidos: as imaxes e símbolos axudan a visualizar e comprender mellor os conceptos gramaticais.
- Motivación: o uso de materiais visuais fai que a aprendizaxe sexa máis atractiva e divertida.
- Manipulación: o alumnado pode recortar e manipular as imaxes e símbolos, o que lles permite unha aprendizaxe máis activa e participativa.
Na zona de imprimibles atoparás unha selección de símbolos para ser empregados na aula para traballar a gramática de xeito manipulativo.
Fomento do hábito lector
O emprego de espazos como a biblioteca de aula, ou a biblioteca do centro debe converterse no lugar para desenvolver estratexias que axuden ó alumnado a seleccionar os textos do seu interese, apropiarse deles e compartir de maneira persoal e creativa a súa propia experiencia de lectura; e establecer contextos nos que xurdan motivos para ler.
Así no apartado 3 do REA propoñémoslle o alumnado buscar poemas por parellas segundo os seus gustos e afinidades, terán que analizalo para posteriormente recitalo diante do resto do alumnado.
A lectura, tanto de forma individual como compartida e a comprensión lectora, permitiranlle ao alumnado adquirir as destrezas necesarias para a identificación das ideas máis relevantes e do sentido global dos textos, para a realización de inferencias e para a detección dos usos discriminatorios da linguaxe.
Formar lectores competentes, autónomos e críticos de todo tipo de textos en castelán, capaces de avaliar a súa calidade, fiabilidade e de responder a diferentes propósitos de lectura en todos os ámbitos da súa vida e un dos obxectivos primordiais na etapa educativa na que nos atopamos.
Saber ler hoxe, implica tamén saber navegar, buscar na rede e seleccionar información fiable con distintos propósitos.
Transversalidade
Este REA pódese empregar en paralelo coa materia de música, xa que podemos atopar moitos poemas cantados, incluso unha das tarefas dentro do obradoiro de escrita é cambiarlle a letra a unha canción; e coa materia de plástica, coa ilustración do poema, para así globalizar o noso traballo na aula.
As emocións que son capaces de transmitirnos estes tipos de texto forman parte da nosa vida cotiá.
Aproveitaremos este tipo de texto para traballar a igualdade, atendendo as diferentes épocas nas que foron creados ditos poemas e lelos e comprendelos na actualidade desenvolvendo o espírito crítico do noso alumnado.