Orientacións e recomendacións de uso
A continuación explicanse certas recomendacións relativas aos seguintes aspectos:
| 1. Recursos materiais necesarios | 4. Enfoque multinivel do reto |
| 2. Proposta de agrupamentos | 5. Diario de aprendizaxe |
| 3. Produtos finais |
Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para o seu desenvolvemento dentro da aula, utilizando diferentes materiais, tanto dixitais como analóxicos e manipulativos.
Material para a aula:
- Equipos informáticos para o alumnado.
- Encerado dixital interactivo.
- Microbit.
- Material escolar: bolígrafos, lapis, folios, cartolinas, tesoiras…
- Outro material: mangueiras, cartón, xeringas, fíos, colorante alimenticio...
Proposta de agrupamentos
Partiremos de equipos de traballo estables para realización do REA. Si xa contamos con estes equipos na aula, manteríamolos; se non os temos, crearémolos coa intención de estabilidade para poder beneficiarse do bo rendemento no funcionamento dun equipo destas características.
Os grupos serán, preferiblemente, de 4 membros, pudendo optar por variacións de 3 ou 5 compoñentes. Este número de membros é o máis recomendable por moitos autores e axeitado porque moitas das técnicas que imos utilizar están deseñadas para equipos de 4.
Noutros momentos botaremos man doutros agrupamentos: o gran grupo (aula), parellas…
Produto final
O produto final do REA consiste na creación, por grupos, dunha criatura que cumpra coa función de relación como o fai o Dr. Frankenstein na obra de Mary Shelley.
Pretendemos, con este REA, traballar os contidos dunha maneira máis vivencial a través da experimentación. Así, cando esteamos a traballar os sentidos, utilizaremos distintas vías para achegarse á información (visual, auditiva…). Cando traballemos os ósos e os músculos, realizaremos unha maqueta dunha man robotizada (hidráulica e mecánica con fíos). Na parte do sistema nervioso realizaremos unha programación en ordenador de xeito que se active ante un estímulo.
Así, cada grupo terá que crear un visual thinking sobre o sentido que lles sexa asignado. Deberán, a partir da información do vídeo, crear un deseño en papel do órgano onde se expliquen as partes e as súas funcións. No apartado do aparello locomotor, deberá construír unha man mecánica, con funcionamento hidráulico ou por cordas/fíos que teña mobilidade e sexa funcional. Cando abordemos o sistema nervioso, e a través do traballo de pensamento computacional, realizaremos un circuíto robótico capaz de reaccionar ante un estímulo.
Durante o tratamento da información, á medida que avancemos no contido iremos relacionándoo con traballo de actividades dixitais, multinivel e tamén de caderno.
Basearémonos en metodoloxías activas e traballo cooperativo, e procuraremos un nivel de reflexión maior a través do traballo de metacognición realizado no diario de aprendizaxe.
Enfoque multinivel do reto
As actividades dixitais propostas no REA permiten unha adaptación individualizada atendendo aos intereses e coñecementos previos por parte do alumnado que as executa, permitindo chegar aos mesmos resultados a través de diferentes camiños de dificultade variable.
O reto e o produto final enfócanse nun traballo cooperativo onde o alumnado accede ao contido a través de diferentes canles informativas, así como pode expresar o que sabe a través de múltiples estilos expresivos e de representación.
Os desafíos están deseñados dende unha perspectiva de enfoque multinivel, as tarefas que se teñen que desenvolver para poder alcanzar o reto contemplan accións encadradas nos diferentes niveis cognitivos, de orden inferior ou superior (Crear, pensar, recordar, construír, deseñar...)
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe plantéxase como unha actividade de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que reflexionen sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden. Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.
Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras (tanto de maneira dixital, como manual e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente prefira. Así mesmo, o momento de realización do diario tamén é algo a determinar por cada mestra ou mestre podendo realizarse ao remate de cada fase dentro ou fóra da aula.
A continuación detállanse cada unha das opcións:
- Opción A: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador e ser entregado ao rematar cada fase ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
- Opción B: O diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional.
- Opción C: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.