Exprésate na rede
"Non lle temas aos monstros, cRÉAos!" é un REA (Recurso Educativo Aberto) para a área de Ciencias Naturais que ten como finalidade traballar a función de relación e os órganos implicados, así como os diferentes niveis de organización celular.
Grazas a esta situación de aprendizaxe o alumnado aprenderá a coñecer máis sobre a función de relación. Dende como os órganos dos sentidos reciben a información do exterior, como a través do sistema nervioso esa información chega ata o cerebro, o cal decide e, a través do mesmo sistema nervioso, chega ao sistema locomotor para executar esas ordes.
Afondarán no coñecemento dos sentidos, dos órganos e das súas funcións. Buscarán información dos mesmos e realizarán un visual thinking de cada un deles para explicalos como parte do reto final.
Descubrirán o funcionamento do sistema nervioso, das súas partes e funcións, e aplicarán o aprendido para crear un robot cun funcionamento semellante ao do noso sistema nervioso.
Profundarán no coñecemento do aparello locomotor, tanto dos ósos como dos músculos, onde descubrirán os niveis de organización celular nestes últimos, e construirán unha man mecánica que funciona igual que a dun ser vivo.
En resumo, ao final deste REA, realizarán un reto no que afrontarán o traballo do sistema nervioso e dos niveis de organización celular dende unha perspectiva teórica e tamén práctica, pois aplicarán os coñecementos aprendidos para crear unha criatura que cumpra con esa función.
Este recurso ten como metas de aprendizaxe:
- Descubrir os cinco sentidos e os seus órganos a través da experimentación.
- Profundar nas partes do aparello locomotor traballando o sistema muscular e o esquelético dando mobilidade á criatura.
- Coñecer os niveis de organización celular dende a célula ata o organismo pasando por tecidos, órganos, aparellos e sistemas.
- Experimentar sobre o funcionamento do sistema nervioso e as distintas partes que o compoñen mediante a programación.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado cas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.