Orientacións e recomendacións de uso
A continuación explícanse certas recomendacións relativas aos seguintes aspectos:
| 1. Recursos materiais necesarios | 4. Enfoque multinivel do reto |
| 2. Proposta de agrupamentos | 5. Diario de aprendizaxe |
| 3. Explicación para a elaboración dos produtos finais |
Recursos materiais necesarios
Este REA está pensado para o seu desenvolvemento na aula, mediante o uso de materiais diversos, tanto dixitais como analóxicos e manipulativos.
Material para a aula:
- Equipos informáticos para o alumnado.
- Encerado dixital interactivo.
- Material de Polo Creativo como a placa Tecla a Tecla.
- Material escolar: bolígrafos, lapis, folios, cartolinas, tesoiras…
- Outro material: feltro, encadernadores, caixa de cartón, tubos de papel de filme, papel continuo...
Proposta de agrupamentos
Partiremos de equipos de traballo estables para o desenvolvemento do REA. Se xa contamos con estes equipos na aula, manterémolos; en caso contrario, crearémolos coa intención de garantir estabilidade e favorecer o bo rendemento no funcionamento dun equipo destas características.
Os grupos serán, preferiblemente, de 4 membros, podendo optar por variacións de 3 ou 5 compoñentes. Este número de membros é o máis recomendable por moitos autores e axeitado porque moitas das técnicas que imos utilizar están deseñadas para equipos de 4.
Noutros momentos botaremos man doutros agrupamentos: o gran grupo (aula), parellas…
Produto final
"O espello no que nos temos que mirar"
O primeiro dos produtos grupais que imos realizar será a actividade “O espello no que nos temos que mirar”. Para iso, prepararemos previamente unha zona da cortiza recuberta con papel prateado, simulando un espello que reflicta a nosa imaxe. Este elemento servirá como soporte da actividade e, ao mesmo tempo, dotaraa de sentido metafórico.
________________________________________________________________________________________________________________
Maqueta interactiva dos órganos reprodutores.
Outro pequeno produto final serán as maquetas en feltro dos aparellos reprodutores tanto feminino como masculino, baseándose nos seguintes padróns.
Padrón do aparello reprodutor feminino
Padrón do aparello reprodutor masculino
Enlace de descarga do padrón do aparello reprodutor feminino.
Enlace de descarga do padrón do aparello reprodutor masculino.
________________________________________________________________________________________________________________
Conto enrolable e lapbook.
O produto final do REA consiste na creación, por grupos, dun conto enrolable que conte toda a verdade, sen mentiras, sobre a reprodución humana.
Pretendemos, con este REA, traballar os contidos dunha maneira máis vivencial e reflexiva. Así, cando esteamos a traballar os aparellos, utilizaremos distintas vías para achegarse á información (visual, auditiva…) e elaboraremos unha maqueta interactiva en feltro sobre os mesmos. Cando traballemos o ciclo menstrual, embarazo e parto, realizaremos unha exposición apoiada nun lapbook. Na parte dos cambios físicos, emocionais e sociais, realizaremos un folleto informativo que se distribuirá en farmacias e centros de saúde.
Para a elaboración do conto enrolable aconsellamos o uso da técnica cabezas numeradas. Para aplicar esta técnica segue os seguintes pasos:
- O docente agrupa ao alumnado en equipos heteroxéneos e numéranse do 1 ao 4.
- O mestre asignaralle ao mesmo número de cada equipo unha tarefa concreta como se indica a continuación:
- 3.1 Aparello reprodutor.
Ao rematar o traballo coa información sobre os contidos deste apartado, entregaremos a cada equipo catro folios A4 (un para cada membro). Nesta folla, o número 1 do equipo realizará a portada do conto enrolable. O número 2 utilizará o folio para elaborar a introdución do mesmo. O 3 encargarase de plasmar no folio o aparello reprodutor feminino e o 4 o masculino.
- 3.2 Células reprodutoras.
Despois de traballar este apartado, entregaráselle novamente folios ao equipo, neste caso sete A3. O número 1 elaborará a transición entre apartados nun deles, o número 2 en dúas follas plasmará o relacionado co ciclo menstrual, o número 3 realizará o traballo sobre a fecundación, e o número 4 utilizará tres folios para plasmar os cambios nos distintos meses do embarazo.
- 3.3 Cambios físicos, emocionais e sociais.
Despois de traballar este apartado, entregaráselle novamente folios ao equipo. O número 1 elaborará unha introdución ao apartado nun A4, o número 2 encargarase de plasmar todo o relativo a coidados, o número 3 realizará o traballo sobre as enfermidades tratadas no tema, e o número 4 reflectirá os cambios físicos e emocionais.
________________________________________________________________________________________________________________
Unha vez elaborado o contido do conto, a Fase 4 consistirá na montaxe do soporte do conto, a caixa onde se van movendo os rolos de papel mentres se conta o conto. Aquí preséntase paso a paso a montaxe para que cada equipo sexa capaz de montar o seu.
Instrucións para montar o conto enrolable.
Durante o tratamento da información, a medida que avancemos no contido iremos relacionándoo co traballo de actividades dixitais, multinivel e tamén de caderno.
Basearémonos en metodoloxías activas e traballo cooperativo, e procuraremos un nivel de reflexión maior a través do traballo de metacognición realizado no diario de aprendizaxe.
Enfoque multinivel do reto
As actividades dixitais propostas no REA permiten unha adaptación individualizada atendendo aos intereses e coñecementos previos por parte do alumnado que as executa, permitindo chegar aos mesmos resultados a través de diferentes camiños de dificultade variable.
O reto e o produto final enfócanse nun traballo colaborativo onde o alumnado accede ao contido a través de diferentes canles informativas, así como pode expresar o que sabe a través de múltiples estilos expresivos e de representación.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe proponse como unha actividade de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que reflexionen sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden. Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.
Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras (tanto de maneira dixital, como manual e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente prefira. Así mesmo, o momento de realización do diario tamén é algo a determinar por cada mestra ou mestre podendo realizarse ao remate de cada fase dentro ou fóra da aula.
A continuación detállanse cada unha das opcións:
- Opción A: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador e ser entregado ao rematar cada fase ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
- Opción B: O diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional.
- Opción C: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.