Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

O deseño deste REA ten como obxectivo ofrecer ao alumnado unha aprendizaxe significativa, baseada na resolución de retos conectados coa realidade, con impacto social e que esixen ás nenas e nenos a toma de decisións e a valoración dos resultados e do proceso. A realización de tarefas de aprendizaxe integradas e contextualizadas permiten a utilización tanto do pensamento lóxico como do pensamento lateral.

O eixo fundamental do REA son as metodoloxías activas. A través do traballo por proxectos e da aprendizaxe cooperativa, favorecemos a inclusión de todo o alumnado na resolución conxunta de proxectos e tarefas. Utilizaremos diferentes técnicas de aprendizaxe cooperativo, por un lado dinámicas de cohesión de grupo e, por outro, estruturas cooperativas que se desenvolverán en diferentes momentos das unidades didácticas para traballar os contidos. Despois do traballo individual e grupal, realizaremos unha posta en común en gran grupo. As explicacións do docente irán acompañadas de apoio visual con imaxes, vídeos e a elaboración de esquemas e mapas conceptuais.

As tarefas están relacionadas cos contidos de cada unha das fases e son de dous tipos:

  • Individuais: con gradación de dificultade e progresividade. Ofrécese ao alumnado a posibilidade de escoller actividades multinivel.
  • Grupais: mediante o uso de estratexias que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, partindo das súas capacidades, valorando non só o resultado senón a progresión e o proceso favorecendo a capacidade de aprender por si mesmos.

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte este recurso.

Desde o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, con actividades manipulativas e contextualizadas, achegando ó alumnado ao descubrimento activo a través da formulación de preguntas, procura de información de diferentes fontes seguras e fiables, así como da realización de experimentos sobre investigacións relacionadas cos distintos elementos da natureza favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula para resolver as situacións que se lle propoñen. Situacións que buscan estar contextualizadas na vida diaria do alumnado e en base aos seus centros de interese co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe e parten dos coñecementos previos tendo en conta as súas aprendizaxes anteriores e o seu desenvolvemento cognitivo e emocional.

É dicir, búscase un enfoque que sexa:

  • Personalizado: búscase a relación cos coñecementos previos do alumnado e propóñense actividades multinivel.
  • Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
  • Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co seu mundo real.

Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da materia de Ciencias da Natureza, cun carácter práctico e competencial do currículo.

A metodoloxía empregada será:

  • Flexible: adaptándose continuamente aos diferentes niveis de cada alumna e alumno.
  • Activa: fomentando alumnado autónomo e responsable das súas aprendizaxes.
  • Participativa: potenciando a cooperación-colaboración.
  • Integradora: facilitando poder sentirse capaces coas súas propias respostas e coas súas diferenzas, mellorando a autoestima.
  • Contextualizada: o alumnado debe comprender o que está a facer, cales son os obxectivos e os pasos.
  • Creativa: propoñendo a procura de solucións aos problemas que vaian aparecendo ao longo da aprendizaxe.
  • Progresiva: que expoña ao alumnado a novos retos e momentos de aprendizaxe cada vez máis complexos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)