Ti si que vales
"Ti si que vales" é un REA (Recurso Educativo Aberto) coa fin de fomentar nos estudantes a creatividade, as habilidades artístico expresivas e a capacidade de desenvolverse en público. Nesta situación de aprendizaxe o alumnado terá que traballar en grupo para organizar un concurso de habilidades e formar parte do mesmo, presentando ante o público propostas relacionadas coa danza, os xogos tradicionais e/ou as habilidades ximnásticas.
O REA "Ti si que vales" ten como obxectivos principais:
1. Desenvolver a desinhibición coa exposición en público.
2. Mellorar a creatividade nas actividades artístico-expresivas, tomando conciencia do carácter estético e comunicativo do movemento.
3. Coñecer, practicar e poñer en valor bailes e xogos tradicionais galegos.
4. Diferenciar a Educación Física da Ximnasia e aprender algunha modalidade de esta última.
5. Mellorar a autoestima elixindo para o concurso final algunha actividade na que o alumnado teña habilidade.
6. Comprender que traballando en grupo conséguese mellores resultados que de forma individual.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado cas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.