Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Está incluídos neste REA todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado como para o profesorado. Deste xeito, pódese atopar tres tipos de materiais:

  • Materiais descargables editables (.odt e .odp): o profesorado poderá adaptar as actividades propostas e o alumnado empregalas para realizar os exercicios directamente dende un ordenador.
  • Materiais descargables non editables (.pdf): coa finalidade de que o profesorado poida imprimir e/ou proxectar sen alteracións no seu formato.
  • Enlaces a material dixital: vídeos ou páxinas web necesarios para a realización dalgunhas tarefas, ou como material de apoio dos contidos propostos.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Existe un bo número de actividades de carácter grupal neste REA, importantes para lograr o obxectivo de traballar a comunicación de forma vivencial, con todo o que isto implica respecto ao plano emocional, dende o respecto ata a xestión de conflitos.

O tipo de agrupamentos que se propón é diversa, dende o traballo en parella, en pequenos grupos, ao grupo-clase. Con todo, este tipo de propostas pode variar e adaptarse ás necesidades da aula ou a consideración do profesorado que imparta a materia, flexibilizando así a súa posta en marcha.

Nas fases 1 (de motivación), 2 (coñecementos previos) e 3, preséntanse diferentes propostas de tarefas a realizar en pequeno grupo. Trátase de tarefas pensadas para agrupamentos de 4 persoas, que poden ser adaptadas en función do número de alumnado que conforme o grupo clase. Tarefas como “¡Atrapapalabras!” empregan técnicas propias do traballo cooperativo, tales como o folio xiratorio, ou a dinámica 1-2-4. O propio desenvolvemento do reto está pensado para ser levado a cabo en este tipo de agrupamento.

Do mesmo xeito, o xogo “Palabras poderosas” da fase 3, pode adaptarse ao número de alumnado do grupo clase, podendo organizar o xogo en pequenos grupos de forma independente, ou organizar o xogo en gran grupo.

O traballo en parella está tamén contemplado na tarefa “Emociones a escena” da fase 4.

Actividades en forma de asemblea propostas para o traballo con todo o grupo de maneira conxunta poden atoparse en actividades como “Emociones ocultas” ou “Lluvia de caricias” da fase 4.

Atención á diversidade

Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Desta maneira, todas as actividades, propostas, recursos e materiais que se presentan son abertas e flexibles, podendo ser adaptadas e flexibilizadas ás necesidades, características e motivación do alumnado.

O carácter cooperativo de actividades como “Palabras poderosas”, “Atrapapalabras” ou “Lluvia de caricias” propician a inclusión, a cooperación, a comunicación e diálogo, a interacción e a colaboración entre o alumnado para resolver diferentes propostas.

As actividades individuais multinivel que se presentan, son graduadas en distintos niveis de dificultade. Isto favorece novamente a atención á diversidade, dado que aínda que a tarefa sexa individual, ofrécense alternativas para as diferentes zonas de desenvolvemento próximo. Ademais, pódese buscar novos desafíos tratando de completar niveis de gradación superior.

Por outra banda, conscientes da diversidade de estilo e necesidades, todas as informacións están acompañadas dun glosario e unha lectura facilitada. Esta iniciativa busca asegurar que o contido sexa accesible para todo o alumnado independentemente do seu nivel de comprensión.

O glosario aclarará termos complexos que poden dificultar a comprensión da información. As definicións serán claras e concisas, adaptadas ao contexto, irán acompañadas dun pictograma, e ofrecerá exemplos adaptados ao nivel do alumnado para facilitar a súa asimilación.

A lectura facilitada que acompaña a cada texto caracterízase polo uso dunha linguaxe sinxela e clara, frases cortas e directas, fácil de seguir.

Con estas ferramentas, a información adquire un carácter accesible e comprensible que fomenta unha aprendizaxe inclusiva onde cada estudante se sinta valorado e coa capacidade de acadar o seu máximo potencial.

Enfoque multinivel do reto

Esta unidade foi deseñada dende o enfoque dun Recurso Educativo Aberto, o cal implica que toda a variedade de propostas, enfoques, recursos e materiais son susceptibles de ser modificados polo profesorado que o poña en práctica. O seu carácter aberto e flexible permite ser adaptado á realidade da aula, co fin de conectar coas necesidades, circunstancias e/ou motivacións do alumnado.

Así mesmo, ademais de actividades grupais cooperativas que permiten que o alumnado se apoie e colabore mutuamente na aprendizaxe nuns casos, e facilita a repartición de roles en función das diferentes capacidades en tarefas como o reto final, propóñense actividades individuais multinivel que permitirán a achega dos contidos á diversidade que exista no alumnado.

Sistemas alternativos de comunicación

O coñecemento de diferentes sistemas de comunicación aumentativos e/ou alternativos, como o braille e os pictogramas neste REA, emerxen como ferramentas poderosas para promover a diversidade e a inclusión. Estes sistemas, presentes na nosa vida cotiá, ademais de facilitar a comunicación a persoas con discapacidades visuais ou da fala, tamén enriquecen á sociedade e en concreto ao noso alumnado, fomentando a comprensión e o respecto cara a todas as formas de expresión e comunicación.

Acción titorial

Este REA fai unha especial énfase na acción titorial, eixe fundamental do traballo docente.

Considérase que a aprendizaxe é máis efectiva cando se acompaña dun desenvolvemento persoal e social, estable e sólido. Ao integrar a acción titorial, crearase un entorno de aprendizaxe máis enriquecedor e significativo. O alumnado adquirirá coñecementos, pero tamén desenvolverá habilidades esenciais como a empatía ou a comunicación efectiva que redundarán na creación dun grupo-clase cohesionado e con relacións interpersoais saudables.

Ao longo desta unidade propóñénse diversas asembleas de grupo como piar desta acción titorial. Este espazo seguro e participativo permitirá ao alumnado desenvolver aspectos como o traballo da escoita activa, habilidades na resolución de conflitos, ou a educación emocional. Explorarase a empatía, as respostas reflexivas, e a creación de espazos seguros nos que expresar sentimentos e emocións.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)