Acariciando palabras
“Acariciando palabras” é un REA que se corresponde coa unidade 1 da área de Lingua Castelá e Literatura de 6º de Educación Primaria, baseado na programación modelo de PROENS.
Ao tratarse da primeira unidade do curso, pode ser o momento idóneo para abordar o tema da comunicación e os seus elementos dende a perspectiva das relacións persoais. A través de dinámicas de grupo e actividades, en equipo e individuais, que favorezan unha comunicación baseada no respecto, o alumnado reflexionará sobre a importancia de establecer relacións persoais sans e enriquecedoras.
A palabra é a protagonista desta situación de aprendizaxe na que aprenderán a escribilas e clasificalas correctamente seguindo diferentes criterios tales como: número de sílabas, sílaba tónica, acentuación e palabras simples e compostas.
A través da elaboración dunha instalación artística, o alumnado recollerá unha colección de palabras cargada dun significado emocional que redunde no benestar do grupo. Traballando en equipo realizarase primeiro un bosquexo que recolla tamén os materiais que se van utilizar e seleccionará as verdadeiras protagonistas da instalación: as palabras. Por último elaborarán unha ficha técnica da súa obra que inclúa un pequeno texto para explicar o sentido da instalación.
Ao tempo que se desenvolven os contidos deste REA, traballarase a cohesión do grupo, a escoita activa, a empatía e a resolución pacífica de conflitos.
As metas de aprendizaxe deste REA son as seguintes:
- Participar en conversas de forma empática e respectuosa.
- Amosar maior consideración cara as persoas que empregan outras linguas ou códigos comunicativos.
- Coidar as palabras para unha comunicación máis positiva.
- Interiorizar os elementos da comunicación na contorna máis próxima.
- Usar un vocabulario máis rico, amplo e respectuoso.
- Coidar o uso das maiúsculas e a acentuación nos textos escritos.
- Traballar en un grupo cada vez máis consistente.