Saltar navegación

3. Guía de uso

Salva o cole, salva o planeta!

Neste REA "Salva o cole, salva o planeta!", a finalidade principal é que o alumnado se converta nun axente activo de cambio, sendo capaz de concienciar á comunidade educativa sobre a importancia de coidar o planeta, a través da creación dunha campaña de sensibilización.

Para levar a cabo esta campaña, o alumnado deberá afondar de xeito participativo no coñecemento dos climas presentes en España e Galicia, relacionándoos coas causas e consecuencias do cambio climático. Tamén se tratarán conceptos relacionados coas normas de educación viaria ou a actividade humana, aspectos que teñen un vínculo directo co cambio climático.

A metodoloxía que se empregarán será a de Aprendizaxe Baseada no Pensamento, que se infunde ao longo do REA. Esta estratexia permitirá que o alumnado conecte os coñecementos, habilidades e destrezas adquiridas coa súa propia realidade, dando así significado ás aprendizaxes e facendo que se perciban como relevantes e útiles. Un dos obxectivos deste REA é lograr que o alumnado tome consciencia das súas aprendizaxes, abrindo espazos de reflexión e diálogo para facelo partícipe no proceso de aprendizaxe.

Ademais, este REA tamén incorpora a Aprendizaxe-Servizo, posto que o produto final do proxecto consiste na mellora do ámbito local, neste caso o centro educativo e a súa contorna, a través da sensibilización e da promoción de hábitos de coidado e respecto polo medio ambiente.

As distintas seccións do REA foron deseñadas tendo en conta os principios do Deseño Universal para o Aprendizaxe (DUA), proporcionando diversos formatos e niveis de acceso á información. Así, intentamos atender á diversidade das realidades individuais do alumnado, para que todos e todas poidan acceder aos contidos de maneira axeitada e poidan ter a oportunidade de amosar os seus logros.

A finalidade última deste REA é ofrecer ao profesorado un recurso educativo que sexa motivador e que facilite un uso eficiente das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), propiciando a aprendizaxe activa do alumnado e a súa implicación directa na mellora da contorna na que viven.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)