Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Neste REA inclúense todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado, como para o profesorado. No material inclúense modelos en dous formatos:

Editables (.odt e .odp): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios de forma directa no caso de dispor de ordenadores, aforrando ter que imprimilos.
Formato .pdf: teñen como finalidade que se poidan imprimir e proxectar sen alteración no seu estilo, e inclusive pódense utilizar con posteriores aplicativos e convertelas en interactivas.
Todas as actividades descargables, tanto editables coma non, levan reflectido o formato no que se atopan.

Finalmente, sobre todo tendo presente as metas educativas deste REA, recomendar encarecidamente, no caso de querer imprimir o material, buscar alternativas ecolóxicas como o uso de papel reciclado, a impresión en borrador ou branco/negro, para ser exemplo da responsabilidade co medio e desde hábitos sostibles que se queren transmitir dende estas liñas.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Neste REA propóñense actividades individuais, por parellas, en pequeno grupo e en gran grupo, considerando as seguintes premisas:

As actividades individuais son, na maioría dos casos, actividades multinivel que procuran adaptarse a diferentes estilos e/ou ritmos de aprendizaxe. Normalmente irán tras actividades grupais, o que permitirá que os coñecementos, habilidades e destrezas xa estean introducidas coa axuda e colaboración do grupo.

As actividades en parella permitirán o diálogo de discusión entre alumnado, pero recortando os tempos de espera e permitindo unha comunicación máis fluída ca nos pequenos grupos.

En canto ás actividades en pequeno grupo, recoméndase a creación de grupos de 3-5 alumnos/as. Ofreceranse dous tipos de actividades en pequenos grupos:

1. Grupos heteroxéneos, cuxo obxectivo é que o alumnado adquira os coñecementos, habilidades e destrezas básicas que lle permitan realizar, posteriormente, as actividades individuais. Para a construción destes grupos deberanse ter en conta as seguintes pautas:

  • Crear grupos nos que as persoas compoñentes sexan diversas en canto a ritmos, fortalezas, debilidades, estilos expresivos, entre outros aspectos.
  • Asignar a cada alumno/a unha función no grupo para potencias a responsabilidade, a autonomía, a autoxestión, así coma a colaboración e a toma de decisións.
  • Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.

2. Grupos homoxéneos, nos que o alumnado traballará xunto por preferencia de estilo de aprendizaxe, expresión ou segundo o requisito que se decida. Están máis enfocados á consecución do produto.

Tamén existen as actividades en gran grupo que , ante todo, pretenden introducir as metas e aprendizaxe, aclarar os conceptos, habilidades e destrezas tratados en pequeno grupo, realizar reflexións que axuden á realización de posteriores actividades, e realizar retroalimentacións que contribúan á metacognición do alumnado.

Produtos finais

O reto desta situación de aprendizaxe é levar a cabo unha campaña de concienciación para sensibilizar á comunidade educativa sobre a necesidade de coidar o planeta, comezando pola contorna local e conseguindo melloras globais.

A campaña basearase na análise de datos reais recollidos polos equipos de alumnado durante a fase da Ecoauditoría. Estes datos permitirán comprender os hábitos e procedementos do propio centro en relación co medio ambiente. O alumnado deberá reflexionar sobre a situación ecolóxica do centro, chegar a conclusións e propoñer melloras que sirvan para deseñar a campaña de concienciación. Neste proceso, deberán aplicar os coñecementos e habilidades adquiridos nas fases anteriores, conectando a teoría coas accións concretas que se poidan realizar na súa contorna.

A partir destas conclusións, o alumnado será consciente da importancia de organizar unha xornada de concienciación que implique ao maior número posible de persoas da comunidade educativa. O obxectivo é que esta xornada produza melloras reais no centro educativo e será un produto tanxible para unha audiencia auténtica e significativa.

Un dos aspectos máis importantes deste REA será a repercusión que a campaña teña na comunidade educativa. Para avaliar a xornada, terase en conta a súa repercusión, a cantidade de recursos empregados, a participación activa de todos os membros da comunidade educativa e a organización da actividade polo alumnado, como promotores principais da xornada.

Enfoque multinivel do reto

O reto foi deseñado para que teña diferentes niveis de consecución, co obxectivo de que todo o alumnado poida participar desenvolvendo distintos roles no deseño e organización da campaña de concienciación.

Ecoauditoría

A ecoauditoría é un proceso que permite avaliar de forma detallada os impactos ambientais dunha organización ou institución, co obxectivo de mellorar a súa xestión ambiental. Este proceso analiza aspectos como o consumo de recursos, a xeración de residuos, as emisións contaminantes e outros elementos vinculados ás actividades realizadas nunha entidade. A finalidade principal é identificar áreas nas que se poidan aplicar melloras, especialmente no uso eficiente dos recursos naturais, na redución de residuos e na mellora da eficiencia enerxética, todo isto co fin de promover un modelo máis sostible.

Con este REA preténdese salientar o potencial que ten a realización dunha ecoauditoría coma instrumento para sensibilizar á comunidade educativa sobre a importancia do coidado do medio ambiente. Ademais, permite fomentar prácticas máis responsables e sostibles. Ao examinar os hábitos e procedementos empregados no centro, como o uso de enerxía, a xestión de residuos ou o consumo de materiais, pódense identificar medidas de mellora que non só axudarían a reducir o impacto ambiental, senón tamén a mellorar a calidade do entorno educativo. Levar a cabo unha ecoauditoría nun centro escolar facilitaría a implementación de cambios que optimicen o uso dos recursos e promovan unha cultura ecolóxica dende as primeiras idades.

Do mesmo xeito, poderiamos desenvolver a Ecoauditoría realizada neste REA a través dun enfoque transversal e interdisciplinar, permitindo integrar contidos e criterios e avalaiación de diferentes áreas do currículo, promovendo que o alumnado aplique os coñecementos de maneira globalizada e en contextos reais. A ecoauditoría, ao ser unha actividade que implica analizar o impacto ambiental dunha institución (neste caso, a escola), favorece a implicación do alumnado en cuestións medioambientais e sociais, ao tempo que lles permite reflexionar e tomar accións para mellorar a sostiblidade da súa contorna.

A ecoauditoría implica a realización dunha análise detallada dos recursos que se consumen na escola (auga, enerxía, papel, etc.) e o impacto que teñen sobre o medio ambiente. Este proceso pode ser integrado nun proxecto interdisciplinar que relaciona varias áreas do currículo, permitíndolle ao alumnado afondar en diferentes aspectos da sostibilidade e desenvolver un proxecto globalizado e participativo. Así, por exemplo:

  • Ciencias da natureza: dentro desta área, o alumnado pode aprender sobre os principios de sostibilidade, a xeración de residuos, o consumo de recursos naturais, e os efectos do cambio climático. Neste sentido, realizar unha ecoauditoría permite ao alumnado aplicar coñecementos sobre a contaminación, a conservación de recursos e os ciclos naturais. Tamén poden realizar actividades de observación e medición de diversos parámetros ambientais dentro da escola, como o consumo enerxético ou as emisións de CO₂, favorecendo a aplicación do método científico.
  • Matemáticas: as competencias matemáticas son fundamentais para realizar a ecoauditoría, xa que o alumnado debe recoller datos, realizar cálculos e interpretar gráficos. O uso de estatísticas e representacións gráficas (como táboas, diagramas ou gráficos de barras) permite ao alumnado analizar o consumo de recursos ou os residuos xerados, comparando os datos e extraendo conclusións. A interpretación de datos tamén é crucial para a formulación de propostas de mellora no contexto da sostibilidade.
  • Lingua galega e lingua castelá: a comunicación dos resultados da ecoauditoría pode realizarse en ambas as linguas. O alumnado pode redactar informes, elaborar informes orais ou presentar as súas conclusións a través de carteis, documentos ou vídeos. A actividade de redacción e expresión oral tamén contribúe ao desenvolvemento das competencias lingüísticas, ao mesmo tempo que fomentan o uso do vocabulario específico relacionado co medio ambiente, como "sostibilidade", "reciclaxe", "consumo responsable", entre outros.
  • Educación plástica e visual: o alumnado pode elaborar materiais de comunicación como carteis ou vídeos de sensibilización, facendo uso de recursos gráficos e audiovisuais para mellorar a súa capacidade expresiva e creativa.
  • Educación física: a ecoauditoría tamén se pode relacionar coas actividades físicas e a mobilidade sostible. A través de debates ou actividades prácticas, como o deseño de rutas seguras e ecolóxicas para ir á escola, o alumnado reflexiona sobre a importancia de reducir o uso de vehículos e favorecer medios de transporte máis respectuosos co medio ambiente, como a bicicleta ou a pé. Este enfoque tamén permite traballar a seguridade viaria desde a perspectiva da sostibilidade.

Recursos complementarios

A continuación, achegamos unha serie de recursos de ámbito pedagóxico, orientados ao afondamento no emprego da ecoauditoría coma un instrumento educativo:

    • Recursos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico:

           Descubrir para mejorar. Actividades para el diagnóstico de ecoauditorías escolares en EPO y ESO, en la provincia de Palencia.

           Ecoauditoría energética “Mi Centro en Transición”.

  • Bibliografía:

          Pérez, A. (2021). La gestión ambiental en centros educativos: Un enfoque sostenible. Editorial Universitaria.

          Rodríguez, M., & González, L. (2019). Ecoauditorías y sostenibilidad organizacional. Fundación Ambiental.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)