Eixes da proposta didáctica
A área de Ciencias da Natureza concíbese como un ámbito cuxo obxectivo principal é que as nenas e os nenos cheguen a ser persoas activas, responsables e respectuosas co mundo en que viven, adquirindo os coñecementos esenciais e os principios básicos do medio natural para que poidan construír un mundo máis solidario, xusto, igualitario e sustentable. As ciencias naturais supoñen, polo tanto, comprender a ciencia como un proceso de investigación, a través da observación sistemática, a medición, a experimentación e a formulación de hipóteses, como base do método científico e eixe central da materia, intentando así dar resposta aos principais problemas dunha sociedade globalizada, tendo en conta o rápido desenvolvemento e progreso científico-tecnolóxico.
Por outra banda, a dixitalización das contornas de aprendizaxe fai preciso que o alumnado faga un uso seguro, eficaz e responsable da tecnoloxía, que, xunto coa promoción do espírito emprendedor e o desenvolvemento das destrezas e técnicas básicas do proceso tecnolóxico, facilitarán a realización de proxectos interdisciplinares cooperativos nos cales se resolva un problema ou se dea resposta a unha necesidade da contorna próxima, de modo que o alumnado poida achegar solucións creativas e innovadoras a través do desenvolvemento dun prototipo final con valor ecosocial.
Este REA contribúe a adquisición de conceptos, destrezas e actitudes relacionadas co coñecemento da materia e as formas de enerxía.
Conexión cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS):
- ODS 4: Educación de Calidade
- ODS 5: Igualdade de Xénero
- ODS 7: Enerxía Limpa e Accesible
- ODS 9: Industria, Innovación e Infraestrutura
- ODS 10: Redución das Desigualdades
- ODS 11: Cidades e Comunidades Sostibles
- ODS 12: Produción e Consumo Responsables
- ODS 13: Acción polo Clima