Saltar navegación

1. Descrición xeral

Un planeta en apuros

Este REA (Recurso Educativo Aberto) ofrece ao alumnado un achegamento ao tema das fontes de enerxía e aos problemas ecosociais actuais. O proceso desenvólvese desde a procura guiada de solucións ata a creación dunha maqueta como produto final que resolva necesidades reais da contorna.

A situación de aprendizaxe parte da presentación da problemática ecosocial derivada do esgotamento dos combustibles fósiles. Para facelo de xeito motivador, utilízase a figura de Flipi, un extraterrestre que acompañará o alumnado ao longo de todo o reto. Mediante unha metodoloxía de indagación e resolución de problemas, as nenas e nenos terán como obxectivo a elaboración dun robot explorador e a creación dunha maqueta dun xerador de electricidade a partir de enerxías renovables que ofreza solucións aos desafíos ambientais existentes.

A través deste recurso, o alumnado afondará nas principais fontes de enerxía e na súa influencia no desenvolvemento sostible, fomentando o pensamento crítico e a actitude emprendedora tanto no traballo individual como no grupal. Ademais, esta situación de aprendizaxe permite un achegamento ao pensamento computacional mediante a programación do robot explorador, deseñado para detectar factores como a presenza de auga, luz e aire.

A creación do produto final lévase a cabo de forma guiada, explicando os pasos a seguir nas diferentes fases e impulsando a creatividade do alumnado. Para finalizar o reto, realizarase unha exposición das diferentes maquetas elaboradas, na que o alumnado deberá expoñer e explicar a súa elaboración ante unha audiencia.  

As metas de aprendizaxe son:

  1. Recoñecer as fontes de enerxía máis importantes e as principais características da enerxía eléctrica. 
  2. Valorar o uso das fontes de enerxía e a súa influencia no desenvolvemento sustentable.
  3. Participar na procura e avaliación de propostas para afrontar problemas ecosociais e buscar solucións de forma guiada.
  4. Realizar experimentos de maneira guiada, empregando instrumentos apropiados e rexistrando datos sinxelos.
  5. Deseñar posibles solucións aos problemas expostos empregando diferentes estratexias de forma guiada.
  6. Crear un produto final utilizando ferramentas e dispositivos sinxelos de forma guiada.
  7. Comunicar o deseño dun produto final explicando os pasos seguidos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)