Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.

Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo: equipo informático.

As experiencias de investigación están deseñadas con produtos e equipos non específicos de laboratorio, polo que son accesibles para todo o alumnado e centros educativos.

Para a elaboración dos xogos non se determina o procedemento de elaboración. Contémplanse tres escenarios posibles:

  • Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, cola e outros materiais comúns da aula.
  • Con aplicacións informáticas sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración das fichas técnicas. Hai que ter en conta que este tipo de programas non permite o traballo compartido sobre o mesmo arquivo. 
  • Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma AbalarBox como soporte para o traballo cooperativo de creación dos produtos dixitais. AbalarBox ten un módulo que permite crear presentacións que resulta adecuado para a elaboración das fichas técnicas e os taboleiros de xogo. Existe tamén a posibilidade de utilizar a plataforma Agueiro.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Na primeira fase créanse os equipos estables para todo o proxecto, utilízase unha dinámica para o repartimento do alumnado dentro dos grupos. 

Ao longo do REA fanse propostas de tarefas para o traballo cooperativo en equipo. A análise, valoración e avaliación das producións dos grupos faise tamén en grupo.

Será necesario adaptar a configuración dos grupos (número de membros) e ampliar ou unificar temas segundo as características de cada centro educativo.

Produtos finais

Con este REA o que se busca é a creación de xogos para a biblioteca relacionados cos contidos de Ciencias da Natureza de 5.º de Educación Primaria, concretamente a Unidade Didáctica 1, sobre os seres vivos. Todo o alumnado debe recompilar recursos (por exemplo imaxes) e datos (fichas técnicas e instrucións) para a elaboración do xogo, e amosar a competencia para expoñer e explicar o traballo do seu equipo.

O contexto do REA lánzase dende a Biblioteca do centro como un reto que consiste na creación de varios xogos utilizando o tema dos seres vivos. O xogo poderá ter diferentes formatos, pero todos baseados na "Ficha Técnica", na cal se recollerá a información de diferentes seres vivos, como pode ser o tipo de células que o forman, a súa alimentación, reprodución, a que reino da natureza pertence, e outros datos.

Unha vez elaborados os xogos, terán que facer unha presentación dos mesmos a compañeiros doutros niveis. Esta presentación terá lugar na biblioteca do centro, posto que o reto xurde dunha petición feita dende a biblioteca, pola necesidade de xogos desta temática na mesma.

Enfoque multinivel do reto

Tanto o reto como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas.

Actividades individuais:

No REA recóllense actividades individuais con diferentes características, procedemento de resolución, tipoloxía e nivel de dificultade. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades propostas, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno reflexione sobre as tarefas que desenvolveu en cada fase.

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

Reto:

Para a superación do reto o alumnado debe elaborar, de forma cooperativa, un xogo de taboleiro que poidan utilizar os nenos e nenas do colexio independentemente da súa idade, ou sexa, con diferentes niveis de dificultade.

No apartado 3.2. do REA, "O tema dos xogos", explícanse as características do xogo, con indicacións para elaborar as fichas técnicas con diferentes niveis de dificultade. O apartado 3.9. recolle orientacións para crear os xogos utilizando materiais diversos, enuméranse alternativas para a elaboración dos elementos do xogo. 

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

  • O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional, co fin de que poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)