Naveguemos e voemos!
O REA "Naveguemos e voemos!" fai un referencia aos contidos referentes á atmosfera e á hidrosfera que corresponden ao curso de 1º da ESO.
A temática principal é a concienciación e sensibilización sobre o cambio climático e a importancia de discriminar fontes de información científica veraces e rigorosas, fuxindo de boatos e pseudociencias que fomentan o negacionismo climático.
O REA presenta cinco fases diferenciadas:
- Na fase 1, "Primeiros pasos", introdúcese o tema de crise climática e descríbese o reto a acadar. Esta fase é motivacional e orientada a espertar a conciencia sobre a problemática da crise climática.
- Na fase 2, "De que nos lembramos?", faise un repaso polos principais coñecementos abordados na educación primaria sobre a atmosfera e a hidrosfera. Preséntase unha nova sen fundamentación científica para que se decaten do común que é que esteamos expostos a este tipo de informacións e pídeselles unha reflexión sobre este feito. Así mesmo, preséntanse dúas mulleres científicas relacionadas con este REA, para poñer de manifesto a importancia da investigación científica.
- Na fase 3, "Afondemos...", introdúcense novos contidos como as propiedades e funcións das capas fluídas e as distintas problemáticas que lles afectan. Inclúense varias actividades para recapitular e profundar nos contidos e proponse unha práctica de laboratorio sobre o solo. Así mesmo, propóñense un total de 4 miniexperiencias de aula, para comprobar experimentalmente os contidos expostos nesta fase.
- Na fase 4, "Fóra boatos!" ponse en práctica todo o aprendido a través da consecución e presentación do reto.
- Na fase 5, "Conclusión" recompilánse as principais conclusións do REA e faise un repaso e unha síntese a través dos mapas conceptuais.