Temporalización do REA
Tomando como referencia a programación didáctica publicada en PROENS para a materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de ESO, esta unidade didáctica está deseñada para realizarse na primeira avaliación, ao longo de 17 sesións.
Na seguinte táboa relaciónanse as diferentes fases da situación de aprendizaxe e o número de sesións previstas para cada unha delas:
| Fase | Seccións | Descrición do traballo a desenvolver | Temporalización |
|---|---|---|---|
| 1. Primeiros pasos |
1.1. Introdución ao reto 1.2. Cal é o noso reto? |
O obxectivo de presentar este reto ao alumnado de 1º de ESO para desmentir o negacionismo climático é promover a reflexión crítica sobre o cambio climático, incentivar a investigación baseada en datos científicos e desenvolver habilidades de pensamento crítico. Isto axuda ao alumnado a comprender a gravidade do problema, afastarse dos boatos e pseudociencias e tomar conciencia sobre a necesidade de actuar para protexer o medio ambiente. |
1 sesión |
| 2. De que nos lembramos? |
2.1. Baixa eses aires 2.2. Estás pingando! |
O obxectivo de facer esta avaliación inicial dos coñecementos da hidrosfera e da atmosfera é identificar o nivel de comprensión que o alumnado ten sobre estes conceptos despois do seu estudo na etapa de educación primaria. Isto vainos permitir detectar posibles carencias de coñecemento e distintos ritmos na aprendizaxe, axustar a ensinanza segundo as necesidades do grupo e garantir unha base sólida para avanzar no estudo destes temas de xeito máis profundo ao longo do REA. |
2 sesións |
| 3. Afondemos... |
3.1. A atmosfera 3.2. Uff que problemas! 3.3. A hidrosfera 3.4. Afogando |
O obxectivo de estudar a atmosfera e a hidrosfera para comprender o problema da crise climática é analizar os procesos naturais e os impactos das actividades humanas sobre estes sistemas. Ao entender o papel fundamental da atmosfera e da hidrosfera e comprender como ambas inflúen no clima, o alumnado pode comprender mellor as causas e consecuencias do cambio climático e a necesidade de adoptar medidas para mitigar o seu impacto. |
6 sesións |
| 4. Reto conseguido! |
4.1. Evaporando dúbidas 4.2. Condensando ideas 4.3. Precipitando coñecemento |
O obxectivo que se pretende acadar co alumnado de 1º ESO neste reto é fomentar o pensamento crítico e a capacidade de distinguir entre información científica fiable e mitos negacionistas sobre o cambio climático. A través de investigación en equipo, elaboración de materiais visuais e a súa divulgación na comunidade escolar, o alumnado aprenderá a comunicar de forma clara e impactante as verdades científicas que desmantelan os argumentos falsos. Este reto tamén busca sensibilizar e concienciar o alumando sobre a importancia de combater a crise climática e empoderalo para que actúen como defensores do medio ambiente. |
7 sesións |
| 5. Conclusión |
O obxectivo de facer unha conclusión ao final dun tema de hidrosfera e atmosfera a través dun mapa conceptual é axudar ao alumnado a sintetizar e organizar de forma visual os conceptos clave aprendidos. Isto permite ver as conexións entre os distintos aspectos da hidrosfera e a atmosfera, como os procesos naturais, as interaccións entre eles e o impacto das actividades humanas. |
1 sesión |