Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
- Caderno do alumno/a.
- Dotación da aula (encerado dixital, tradicional, pupitres...).
- Material específico necesario para as miniexperiencias de aula.
- Laboratorio (instrumentación e materiais propios).
- Material específico para actividades de desconexión (cartolinas, goma eva...).
- Material específico para o reto (mapas, planos, cartolinas para as fichas...).
Actividade complementaria
O obxectivo desta actividade complementaria é concienciar ao alumnado de 1º de ESO sobre a importancia de coñecer os recursos xeolóxicos que nos rodean. Na visita ao Museo de Historia Natural Luis Iglesias, da Universidade de Santiago de Compostela, poderán observar unha ampla variedade de rochas e minerais, das mellores coleccións. Verán exemplares típicos de Galicia así como doutras partes do mundo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Os agrupamentos de aprendizaxe cooperativa deben ser coidadosamente planificados para fomentar a interacción positiva, a colaboración efectiva e o desenvolvemento de habilidades sociais e cognitivas entre o alumnado. Estes grupos deberán ser:
- Heteroxéneos: Deben estar compostos por estudantes con diferentes habilidades, coñecementos e estilos de aprendizaxe. A diversidade favorece a colaboración e a aprendizaxe mutua, xa que os membros poden axudar a completar as debilidades dos demais e aproveitar as fortalezas de cada un.
- Equilibrados: A distribución das tarefas debe ser equitativa, permitindo que todos os membros participen de maneira xusta na resolución do problema ou na tarefa asignada. Ningún membro debe quedar excluído ou ter unha carga desmesurada de traballo.
- Flexibles e dinámicos: A medida que avanza o proceso de aprendizaxe, pode ser necesario reorganizar os grupos ou realizar pequenos cambios na dinámica do equipo para asegurar que todos os estudantes sigan comprometidos e que a cooperación sexa efectiva.
- Con apoio mutuo: Os membros do grupo deben estar dispostos a axudar aos outros, a compartir ideas, a escoitar e a proporcionar feedback construtivo. A cooperación non só se basea en traballar xuntos, senón tamén en apoiar o proceso de aprendizaxe de cada un.
Produtos finais
O produto final que debe acadar o alumnado neste reto consistirá na elaboración dun xeoparque local, representado nun plano ou mapa da súa vila, cidade ou comarca, no que se identifiquen e localicen con precisión diferentes puntos de interese xeolóxico. Para cada un destes lugares, o alumnado deberá crear unha ficha informativa que inclúa a súa localización, unha descrición do que se pode observar, o seu valor ou interese xeolóxico e algunha curiosidade relevante. A ficha poderá ser formato dixital ou en calquera outro que o alumnado escolla. Estes puntos poden incluír tipos de rochas ou minerais, procesos xeolóxicos ou elementos patrimoniais construídos con materiais característicos da zona. O proxecto rematará coa presentación e difusión deste xeoparque á comunidade educativa, contribuíndo así á valorización e ao coñecemento do patrimonio xeolóxico local.
Enfoque multinivel
Este REA adáptase a un modelo educativo que recoñece as diferenzas no nivel de desenvolvemento, intereses e estilos de aprendizaxe entre as alumnas e os alumnos e proporciona diferentes niveis de apoio para asegurar que todo o alumnado poida participar activamente no proceso de aprendizaxe. Na sección 3.5. Recapitula e afonda, preséntase unha recompilación de actividades de síntese e afondamento, enfocadas con un distinto nivel para que o alumnado poida realizar as actividades propostas segundo a gradación de complexidade establecida. Este enfoque busca ofrecer oportunidades personalizadas para que cada estudante, independentemente do seu ritmo de aprendizaxe e das súas dificultades, para que así todo o alumnado poida acadar o seu máximo potencial.
Así mesmo, proponse ao alumnado a posibilidade de deseñar unha ruta a pé polos principais puntos do xeoparque creado como tarefa competencial de maior complexidade.
Desenvolvemento da competencia dixital do alumnado
Moitas das actividades do REA están deseñadas para realizarse en formato dixital aínda que outras están pensadas para seren realizadas no caderno de aula. Así mesmo, propóñense actividades de busca de información en internet e elaboración de documentos e presentacións.
O reto proposto ten como obxectivo principal saber manexar mapas e planos así como facer unha busca de información en fontes fiables na rede. Acadar o reto e expoñelo permitirá ao alumnado aprender ou reforzar o uso de diversas ferramentas para o deseño, edición e presentación dixital, entre outras.
O alumnado conta cun diario de aprendizaxe que poden completar de forma dixital, permitindo así que reflexionen sobre o seu proceso, aínda que tamén dispoñen dunha versión en PDF.