Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o uso deste recurso na aula, relativas aos seguintes aspectos:

1. Recursos materiais necesarios 4. Enfoque multinivel do reto
2. Proposta de agrupamentos 5. Diario de aprendizaxe
3. Produtos finais

Recursos materiais necesarios

Para levar a cabo as creacións artísticas e a instalación final, precísanse os seguintes materiais:

  • Equipos informáticos con conexión á Internet e auriculares.
  • Material básico de debuxo: folios, lapis, gomas, tesoiras, cartolinas, pegamento de barra, regras e escuadro.
  • Pinturas e marcadores: pinturas de calquera tipo, rotuladores de tinta negra e marcadores fluorescentes (subliñadores).
  • Papeis especiais: acetatos (transparencias), papel continuo, recortes de revistas, xornais ou publicidade, e papeis translúcidos (celofán ou similar).
  • Elementos de textura e decoración: gomets de cores, teas, la, fíos, legumes (lentellas), fariña, sal, escuma de pelo e algodón.
  • Software de edición: LibreOffice Draw, GIMP e Excalidraw.
  • Iluminación: mesa de luz ou retroproxector (ou luces de escritorio no seu defecto) e lámpadas ou lanternas de luz negra UV.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Para a formación dos equipos será preciso colocar previamente gomets de cores debaixo das cadeiras do alumnado. Cada cor representará a un equipo. Haberá que colocar tantos gomets dunha cor como persoas formen o grupo.

A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado.

Ao longo do REA fanse propostas de tarefas para o traballo colaborativo en equipo. A análise, valoración e avaliación das producións dos grupos faise tamén en grupo.

Produtos finais

O alumnado elaborará diversas obras plásticas ao estilo Arte Pop que culminarán en:

  • Instalación artística interactiva. Un espazo que fusiona o estilo de Andy Warhol con retratos de mulleres relevantes galegas, xogos de luces e diferentes texturas.
  • Decoración de corredores. Uso das obras creadas para ambientar o centro durante o Día da Paz, o Entroido e o Día da Muller.

Enfoque multinivel do reto

 Tanto o reto como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas. Enténdese que o concepto de multinivel no reto está ligado á flexibilidade no procedemento para acadar o produto. Polo tanto, ofrécense as seguintes alternativas para desenvolvelo.

En relación ao espazo no que desenvolver o reto dos recunchos artísticos:

  • Opción A: nun espazo do colexio.
  • Opción B: en Internet.
  • Opción C: na propia aula.

En relación ao tempo:

  • Opción A: nunha sesión da área.
  • Opción B: ao longo dunha mañá.
  • Opción C: en varios días da semana.

Con flexibilidade:

  • Utilízanse recursos accesibles, na creación dos produtos ofrécense alternativas, non existe un formato ríxido.
  • Neste caso a complexidade do reto vén determinado polo desempeño do alumnado.

Actividades individuais.

No apartado correspondente ás tarefas individuais ("2.2. Agora ti" e "3.5. Antes de rematar") recóllense varias actividades con diferentes características, procedemento de resolución, tipoloxía e nivel de dificultade, coa intención de que o alumnado poida escoller segundo o seu criterio calquera das actividades propostas. Será a persoa docente a que decida, se así o estima, o número de tarefas que debe resolver o alumnado.

No diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno comente as actividades que realizou en cada fase.

Reto.

Para resolver o reto, o alumnado debe ir elaborando produtos que, recompilados, formarán parte da decoración dos corredores nas diferentes conmemoracións así como da instalación artísitica que deben crear as alumnas e alumnos de xeito cooperativo.

Na planificación das creacións do alumnado tivéronse en conta factores como as características do material, a seguridade e a dificultade de elaboración. Os elementos necesarios para crear as obras artísticas son recursos de uso habitual para o alumnado ou sinxelos de conseguir, así como económicos.

Para algunhas actividades da Fase 3,  "Entroido publicitario" e  "Con M de Muller" cítanse tres aplicacións informáticas de tratamento de texto e imaxe (LibreOffice Draw, Gimp e Excalidraw), que se recomendan por ser libres, gratuítas e estar dispoñibles para diferentes sistemas operativos. Esta proposta vai acompañada do correspondente videotitorial de uso, adaptado á idade do alumnado e ás características do reto. A persoa docente pode tomar a decisión de usar estas ou outras aplicacións informáticas, así como plataformas online segundo os seus propios criterios.

Ofrecer un itinerario para acadar o reto que supoña non utilizar medios dixitais non é posible porque así está recollido na programación modelo, de referencia para o deseño desta situación de aprendizaxe. Os centros docentes que non conten cos recursos necesarios, como equipamento informático, poden solicitar estes recursos ao CAFI ou CFR que corresponda.

Durante o desenvolvemento do REA ofrécense propostas de traballo con diferentes niveis de esixencia cognitiva.

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

O modelo de programación de Proens, de referencia para a planificación da situación de aprendizaxe, condiciona o deseño do reto.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.

O diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

  • O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional, co fin de que poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • O diario pódese completar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa a desenvolver na casa ou no tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)