Comezamos!
Este REA (Recurso Educativo Aberto) foi deseñado co fin de ofrecer ao alumnado un proxecto de traballo cooperativo baseado na obra de Andy Warhol. A proposta consiste na realización de actividades para diferentes conmemoracións escolares utilizando as técnicas máis representativas do artista.
O recurso céntrase no traballo cos elementos plásticos e visuais vinculados ao proceso creativo, establecendo as bases para o curso: as dinámicas de aula, as rutinas de traballo, a responsabilidade e o coidado do material. Traballarase a recepción activa e a vivencia artística a través da ampliación dos elementos básicos da expresión plástica e audiovisual.
O obxectivo final é a montaxe dunha instalación con recunchos artísticos no centro. Neste espazo, o resto do alumnado poderá experimentar con diversos materiais e descubrir a figuras de mulleres relevantes galegas baixo unha estética inspirada en Warhol. O traballo en grupo e en gran grupo será predominante, fomentando unha participación activa e a aprendizaxe colaborativa.
As celebracións do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, o Entroido e o Día Internacional da Muller traballaranse de xeito destacado como eixes temáticos das producións.
As metas de aprendizaxe son:
- Identificar o principal protagonista da Arte Pop e as súas características estilísticas.
- Elaborar deseños propios e composicións visuais ao estilo de Andy Warhol.
- Divulgar entre a comunidade educativa os procedementos para crear obras de Arte Pop.
- Colaborar de xeito eficaz en equipo para resolver os retos creativos propostos.
- Deseñar e montar unha instalación artística interactiva para o desfrute de todo o centro.
- Intervir esteticamente nos espazos comúns do centro a través da exposición das obras realizadas.