Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o uso deste recurso na aula, relativas aos seguintes aspectos:

1. Recursos materiais necesarios 4. Enfoque multinivel do reto
2. Proposta de agrupamentos 5. Diario de aprendizaxe
3. Produtos finais

Recursos materiais necesarios

O desenvolvemento do proxecto require medios técnicos e artísticos variados:

  • Equipos informáticos con conexión á Internet e cámara fotográfica.
  • Material básico de debuxo: lapis, gomas, tesoiras, papel, cartolinas e pinturas de diversos tipos.
  • Materiais de calco e impresión: papel de calco (ou de forno), rotuladores negros, pinceis e témpera negra.
  • Soportes especiais: papel continuo, camisetas, papel tránsfer, ferro de pasar a roupa e papel encerado.
  • Materiais de construción: cartóns, caixas e pegamento.
  • Software específico: editores de vídeo (OpenShot), editores de son (Audacity) e ferramentas de deseño (LibreOffice Draw).

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado.

Ao longo do REA fanse propostas de tarefas para o traballo colaborativo en equipo. A análise, valoración e avaliación das producións dos grupos faise tamén en grupo.

Produtos finais

O alumnado desenvolverá dúas liñas de creación principais:

  • Documental sobre Andy Warhol. Unha peza audiovisual que recompila o traballo de investigación e as obras plásticas elaboradas ao estilo Pop Art.
  • Decoración de espazos. Intervención nos corredores do centro para as conmemoracións de Samaín, Magosto e Nadal utilizando as producións artísticas do grupo.

Enfoque multinivel do reto

Tanto o reto como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas.

Actividades individuais.

No apartado correspondente ás tarefas individuais ("2.2. Agora ti" e "3.4. Antes de rematar") recóllense varias actividades con diferentes características, procedemento de resolución, tipoloxía e nivel de dificultade, coa intención de que o alumnado poida escoller segundo o seu criterio calquera das actividades propostas. Será a persoa docente a que decida, se así o estima, o número de tarefas que debe resolver o alumnado.

No diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno comente as actividades que realizou en cada fase.

Reto.

Para resolver o reto, o alumnado debe ir elaborando produtos que, recompilados, formarán parte da exposición final e do documental en formato audiovisual que deben crear as alumnas e alumnos de xeito cooperativo.

Na planificación das creacións do alumnado tivéronse en conta factores como as características do material, a seguridade e a dificultade de elaboración. Os elementos necesarios para crear as obras artísticas son recursos de uso habitual para o alumnado. No caso de utilizar algún material non común, por exemplo o soporte tránsfer para o estampado, ofrécese unha alternativa con elementos habituais e sinxelos de obter.

Para o reto final cítanse dúas aplicacións informáticas de tratamento do vídeo e son (OpenShot e Audacity), que se recomendan por ser libres, gratuítas e estar dispoñibles para diferentes sistemas operativos. Esta proposta vai acompañada do correspondente videotitorial de uso, adaptado á idade do alumnado e ás características do reto. A persoa docente pode tomar a decisión de usar estas ou outras aplicacións informáticas, así como plataformas online segundo os seus propios criterios.

Ofrecer un itinerario para acadar o reto que supoña non utilizar medios dixitais non é posible porque así está recollido na programación modelo de referencia para o deseño desta situación de aprendizaxe. Os centros docentes que non conten cos recursos necesarios, como equipamento informático e de gravación, poden solicitar estes recursos ao CAFI ou CFR que corresponda.

No deseño do reto tívose en conta tamén a normativa de protección de datos persoais, polo que non se solicita ao alumnado que utilice a súa imaxe ou a súa voz para elaborar o documental.

Durante o desenvolvemento do REA ofrécense propostas de traballo con diferentes niveis de esixencia cognitiva.

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.

O diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

  • O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional, co fin de que poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • O diario pódese completar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa a desenvolver na casa ou no tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)