Eixes da proposta didáctica
A área de Educación Plástica e Visual desencadea mecanismos que permiten desenvolver distintas capacidades que inflúen directamente na formación integral do alumnado, tanto de xeito individual coma grupal. Esta área asenta as bases para que o alumnado poida desenvolver nas mellores condicións as competencias artísticas.
A área ten unha dobre dimensión: reflexiva e creativa. Tamén favorece a experimentación, a expresión e a produción artística.
Neste REA o alumnado explorará as diversas linguaxes, artes e disciplinas, así como as distintas técnicas plásticas, visuais e audiovisuais para a creación das súas propias propostas.
A educación plástica e visual debe tratarse baixo a perspectiva de xénero, polo que cómpre incorporar e normalizar tamén a contribución das mulleres á evolución das artes plásticas e visuais, historicamente esquecida. Deste xeito, favorecerase que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan acadar unha visión igualitaria da sociedade.
Esta situación de aprendizaxe trata contidos relacionados cos seguintes ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible):
ODS 3. Saúde e benestar
ODS 4. Educación de calidade
ODS 5. Igualdade de xénero
ODS 9. Industria, innovación e infraestrutura
ODS 11. Cidades e comunidades sostibles
ODS 12 Produción e consumo responsable.