Comezamos!
Este REA (Recurso Educativo Aberto) foi deseñado co fin de ofrecer ao alumnado un proxecto de traballo cooperativo sobre a vida e a obra de Andy Warhol. A proposta inclúe a realización de actividades para as diferentes conmemoracións do calendario escolar, baseándose nas técnicas características do autor.
Neste recurso aséntanse as bases para o curso: a dinámica de clase, as rutinas de traballo, a responsabilidade e o coidado do material. Traballarase a recepción activa e a vivencia plástica a través da ampliación dos elementos básicos da expresión audiovisual.
O traballo en grupo e en gran grupo será predominante, procurando sempre unha participación activa do alumnado. Neste contexto, as celebracións do Magosto, o Samaín e o Nadal cobrarán especial relevancia como eixes para a aplicación das técnicas artísticas propostas.
As metas de aprendizaxe son:
- Identificar as características principais da Arte Pop a través do estudo da vida e obra de Andy Warhol como máximo expoñente do movemento.
- Aplicar estratexias de composición e uso da cor propias do estilo Pop Art na creación de deseños e producións artísticas orixinais.
- Difundir o proceso creativo e as obras resultantes á comunidade educativa, utilizando a linguaxe plástica como ferramenta de comunicación e expresión.
- Desenvolver habilidades de traballo cooperativo e responsabilidade compartida para resolver de xeito conxunto os retos artísticos propostos.
- Utilizar ferramentas e recursos tecnolóxicos de xeito eficaz para a planificación, edición e montaxe dun documental que recolla o proceso de traballo.
- Intervir nos espazos comúns do centro mediante a decoración dos corredores, transformando a contorna escolar a través da creación artística colectiva.