Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o aproveitamento deste recurso na aula:
Recursos materiais necesarios
- Equipamento informático para o alumnado: propóñense actividades interactivas polo que é recomendable que cada alumno e alumna dispoña do seu equipo informático aínda que o REA podería utilizarse de forma guiada dende unha pantalla dixital para que o alumando traballase no seu caderno.
- Instrumentos de medida de magnitudes: metro, regra, cinta métrica, vasos graduados, probetas, balanza, báscula, reloxo analóxico, dixital, cronómetro, termómetro, transportador de ángulos.
- Material funxible: para elaboración dos cromos en soporte non dixital.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Coas actividades grupais preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto aprenderán a coordinarse na realización de tarefas e aumentar a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que utilice este REA na súa aula tendo en conta as seguintes orientacións:
- Organiza ao teu alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de 4 membros nos que cada un pon o seu gran de area, dende os máis proactivos, líderes aos máis pasivos, non colaborativos etc.
- Asigna a cada membro do grupo unha función específica que lle permita poñer en valor as súas fortalezas.
- Crea un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
O produto final será a elaboración de 4 cromos, un para cada animal dos seleccionados por cada grupo. Os cromos irán acompañados dun informe final que reflicta o proceso de aprendizaxe do alumnado.
Enfoque multinivel do reto
Propóñense cromos de diferente nivel de dificultade (principiante, avanzado e experto) coa intención de compensar os diferentes estilos e ritmos de aprendizaxe presentes na aula.
- O nivel principiante incluirá, como mínimo medidas de lonxitude, masa, capacidade, superficie e tempo. Incluirá unha sexta medida a escoller entre ángulos e temperatura.
- O nivel avanzado incluirá medidas de todas as magnitudes traballadas ao longo da Fase 3.
- O nivel experto incluirá medidas de todas as magnitudes traballadas ao longo da Fase 3 e outros datos curiosos.
Por outra banda, ábreselle ao alumnado a posibilidade de escoller o soporte no que fará os seus cromos; o que permite tamén adaptar o reto ás diferentes necesidades e preferencias do alumnado.