Enredando por el mercado
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado de 5º de Educación Primaria ao estudo das fraccións e a súa aplicación en contextos cotiáns, titulado "Enredando por el mercado". O obxectivo é que o alumnado integre parte dos bloques do sentido numérico (1), sentido alxébrico e pensamento computacional (4), e socioafectivo (6) tomando como fío condutor a organización dunha festa e a compra no mercado.
Nesta situación de aprendizaxe, o alumnado deberá comezar explorando un mercado e os seus produtos na etapa "Una parte de Galicia", introducindo con exemplos situacións nas que se atopan as fraccións. Logo preséntase o reto, no que terán que elaborar unha invitación, o que require aplicar os seus coñecementos matemáticos para repartir o espazo da mesma.
O proceso desenvólvese na etapas de "Plan inicial" e "Los preparativos", onde aprenderán a fraccionar produtos como rosquillas e empanadas. Profundarán en conceptos clave como a fracción como parte da unidade, a comparación de fraccións e as fraccións equivalentes. Tamén traballarán coa división de elementos non alimentarios, como a división dos postos de mercado.
Ao longo deste proceso traballaranse conceptos de fracción propia e impropia, fraccións equivalentes e fracción como operador, que logo aplicarán na elaboración de receitas e o cálculo de asistentes. Adquiren tamén coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse no manexo da fracción na vida diaria e a resolución de problemas de repartición e proporción.
As metas son:
- Resolver situacións problemáticas relacionadas coa vida cotiá.
- Desenvolver destrezas sociais de traballo en equipo respectado as opinións dos demais.
- Identificar as expresións matemáticas das fraccións e interpretar o seu significado no contexto.
- Comprender a relación entre numerador e denominador.
- Valorar e distinguir as fraccións, comparando e atopando fraccións equivalentes.
- Realizar cálculos básicos coas fraccións e calcular a fracción dunha cantidade enteira.
- Aplicar o coñecemento sobre fraccións a situacións reais de compra, alugueiro, cantidades.