Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver algunhas das actividades do REA é necesaria a conexión á rede.
No caso do reto, ofrécese a posibilidade ao alumnado de escoller o soporte no que quere elaborar o produto final: en papel ou dixital. No caso de que opte por facelo en papel, precisarase imprimir o mapa da zona traballada e o uso de rotuladores ou lapis de cores. No caso de facelo en formato dixital, podería ser necesario un programa de debuxo para marcar as zonas de prezos.
Proposta para agrupamentos
Recomendacións para o profesorado sobre a formación de grupos:
- Deben ser de 3 ou 4 persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar en actitude, pero sempre é mellor grupos pequenos).
- É preferible que sexan heteroxéneos, aínda que puntualmente para algunha actividade se fagan grupos homoxéneos.
- Os grupos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Neste REA inclúese os seguintes roles:
- Xefe/a de oficina: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
- Axentes de información: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo. Se o equipo está formado por 4 persoas, pode haber varios axentes de información.
- Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
A cada alumno e alumna, dentro do seu grupo, asígnase un rol ou función.
Estes roles iranse intercambiando de modo que cada persoa poida participar e experimentar os diferentes roles establecidos.
Produto final
O produto final consiste na elaboración, por parte do alumnado, de dous mapas de prezos de vivendas dunha zona.
Logo de facer unha exposición dos mapas, cómpre valorar o traballo doutros compañeiros para elixir o mellor produto final.
Enfoque multinivel do reto
O alumnado poderá escoller o soporte para a realización dos mapas (en papel ou dixital).
Ademais, o alumnado terá a posibilidade incluír, nos seus mapas, máis vivendas das mínimas requiridas (xa que non se establece un número máximo).