Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Recomendamos a previa selección das novas e páxinas web específicas, para un filtrado de información real. Cómpre tamén explicar ao alumnado que os textos literarios que se proporcionen deberán respectar a licenzas de autoría.
O alumnado pode empregar material impreso e tamén a computadora persoal se fora necesario. A persoa docente decidirá o que sexa necesario en cada momento.
No caso de empregar material impreso, será necesaria unha impresora (pode ser propia do centro), tesoiras, lapis, bolígrafo e goma.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA propóñense actividades individuais e grupais, considerando as seguintes premisas:
- É recomendable a creación de grupos de 3-5 alumnos/as, de xeito que elixan ou sexan asignados polo profesorado cada un dos retos propostos. Logo, terán que expoñer o seu resultado ao resto de compañeiras/os.
- O groso do traballo será realizado en actividades grupais onde se pretende que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto, procuramos que aprendan a coordinarse na realización de tarefas e aumenten a súa autonomía persoal. Debemos procurar que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que implemente este REA na súa aula considerando as seguintes pautas:
- Organiza ao alumnado en función das súas diferentes necesidade e intereses, para crear equipos nos que cada un pon o seu gran de área, dende os máis proactivos, líderes, organizativos aos máis pasivos, non colaborativos etc.
- Asigna a cada alumna ou alumno unha función no grupo na que amose as súas potencialiades.
- Crea un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
No noso REA en concreto, os produtos finais son diferentes xogos para a interacción do alumnado:
- Quen é quen. Xogo ben coñecido que se xoga por parellas que trataría sobre figuras galegas famosas en distintos ámbitos.
- Heads up. Xogo de procedencia anglosaxoa cuxa tradución aproximada ao galego sería "man a man"; trataría sobre a veciñanza da localidade de residencia, tanto da actualidade como de persoas relevantes de anos atrás pero que teñen sona na localidade.
- Memory. Xogo de relacionar cartas boca abaixo. Este estaría destinado aos usuarios da residencia da terceira idade para o que precisarán dunha entrevista en persoa ou por carta/correo. A presentación deste produto final pode realizarse con diferentes formatos, incidindo así no concepto DUA: un xogo interactivo, un xogo en formato físico ou intercambio oral con apoio textual.
Enfoque multinivel do reto
Moitas das actividades desta REA están pensadas para realizarse en formato dixital, aínda que hai a posibilidade de facer moitas de xeito tradicional, en papel ou noutros formatos propostos como gravacións ou exposición oral. O alumnado ten un diario de aprendizaxe dixital ou físico, de xeito que vai reflexionando sobre o proceso durante as distintas fases. Cumprir cos distintos retos previos posibilitará aprender ou afianzar no emprego de ferramentas de todo tipo para o deseño do reto final.
O noso reto final está destinado ao formato físico inicialmente, pero sempre podemos adaptalo para poder utilizalo e interpretalo doutros xeitos.
Algunhas ideas serían:
- Xogo "Quen é quen?": neste xogo, en vez de empregar un taboleiro, poderiamos empregar a computadora e escoller unha imaxe entre os persoeiros escollidos e traballar a descrición oralmente até adiviñar de quen se trata. Poderase virar a pantalla para confirmar que é ou non é o persoeiro descrito e adiviñado.
- Xogo "Carta arriba": empregando a computadora persoal, podemos escoller un personaxe para o noso compañeiro e, sen que o poida ver, responderlle ás preguntas que realice até que adiviñe o personaxe que lle tocou.
- Xogo "Memoriza": este xogo pódese realizar dixitalmente ou incluso xogar nalgunha plataforma en liña. Para realizalo de xeito dixital pódese empregar a aplicación eXeLearning co iDevice "Xogos: Tarxetas de memoria". Nesta opción pode que precisen axuda do mestre ou mestra.