Introducindo o REA "Somos persoas instrutoras"
O REA "Somos persoas instrutoras" pretende que o alumnado adquira habilidades para identificar necesidades, recompilar información e transformala nos seus propios textos instrutivos. O obxectivo e dar solución con ese texto a unha problemática real que pode ser das propostas polos docentes (nos retos 1, 2 e 3) ou identificada polo propio alumnado (no chamado reto extra).
Os diferentes bloques do REA están pensados tendo en conta o Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA). Por este motivo se presenta a información de maneiras diferentes tanto en formatos como niveis. O obxectivo último e rachar coas posibles fendas que o alumnado poda atopar para acceder á información e chegar deste xeito ó maior número de realidades individuais do alumnado.
O alumnado manexará aspectos teóricos sobre os distintos textos instrutivos, a diversidade e identidade lingüística e as canles de comunicación oral e escritas. Ademais, ao longo do camiño irase afondando en diferentes aspectos gramaticais: substantivo, acentuación, separación de palabras, ditongos, maiúsculas e minúsculas. A través da lectura, do seguimento de instrucións, da reflexión individual e tamén grupal, e da mestura destes aspectos, terán que resolver un reto proposto que se traducirá na creación dun documento con formato de texto instrutivo.