Somos persoas instrutoras!
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado co fin de introducir ao alumnado na creación de textos instrutivos. Na situación de aprendizaxe terán que crear un texto instrutivo para dar solución a algún problema do seu centro ou da súa aula. O tipo de texto instrutivo como produto final dependerá da toma de decisións que fagan durante o proceso. Preténdense traballar a compresión de textos instrutivos e a creación colectiva de documentos da mesma tipoloxía.
Estudaremos algúns dos tipos de textos instrutivos que existen e a súa funcionalidade. Ademais, tamén se traballarán contidos relacionados con: canles de comunicación, tanto orais como escritas; identidade (linguas da nosa contorna) e diversidade lingüística (distintas formas do galego); aspectos gramaticais (substantivo, prefixo, ditongos, acentuación, sílabas, entoación e separación de palabras, maiúsculas e minúsculas). Por último, tamén se traballará a expresión oral e escrita.
As metas de aprendizaxe son:
- Coñecer os diferentes tipos de textos instrutivos.
- Ler diferentes textos de xeito comprensivo.
- Comprender as canles de comunicación oral e escrita.
- Afondar na identidade e diversidade lingüística da súa contorna.
- Coñecer distintos aspectos gramaticais sobre a lingua galega.
- Crear colectivamente textos instrutivos.