Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Para a posta en marcha deste recurso educativo aberto, é imprescindible contar co equipamento Edixgal e conexión a internet. É necesario tamén o uso do caderno e material funxible, especialmente para a parte final onde o alumnado elaborará os seus propios textos instrutivos. Sobre todo dependendo do tipo de presentación que escolla.
O profesorado deberá anticiparse para dispor de documentos impresos, como: modelos de mapas para bloques dialectais, modelos para recollida de contidos, esquemas para a fase 4 do REA e diversas rúbricas de avaliación. Todos os materiais se poden atopar ou no REA do alumnado, nos apartados correspondentes, ou no apartado 3.2 Recursos e solución do REA desta guía.
Recoméndase que o alumnado teña auriculares para non causar molestias durante a visualización de vídeos e titoriais existentes ao longo do REA.
Uso do caderno
O material presentado neste REA ten unha carácter marcadamente dixital e en gran medida está pensado para ser utilizado en aulas co proxecto Edixgal en funcionamento.
Moitas das actividades propostas están pensadas para ser resoltas de forma dixital, posto que así foron deseñadas. Igualmente, existen dentro dos apartados outras que foron pensadas para ser resoltas en caderno (será evidente pola ausencia de oco para facelo).
Por moito que agora as TIC e as pantallas estean presentes en moitos eidos das nosas vidas, non debemos deixar de lado outros aspectos, como neste caso é a escrita. Todo o alumnado debe ser competente á hora de redactar, ter unha caligrafía clara, producir textos escritos coherentes e escribir cunha ortografía correcta, sen depender dunha máquina que lle corrixa constantemente.
De aí que se destaque a importancia da escrita na educación e na necesidade de fomentala aínda que se estea a traballar nun recurso dixital.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Na organización dos equipos para as actividades grupais, recoméndase formar grupos de 3 a 5 alumnos/as. A cada integrante do equipo asignaráselle un rol específico que axudará ao desenvolvemento das tarefas de maneira eficiente e colaborativa. Estes roles son:
- Investigador: Encargado de buscar información relevante e imaxes necesarias para a realización da actividade. Poderá utilizar recursos como páxinas web e bases de datos para recompilar información.
- Redactor: Responsable da redacción dos textos necesarios para a actividade. Utilizará tanto o caderno como ferramentas dixitais como o LibreOffice Writer para elaborar os contidos de forma clara e precisa.
- Deseñador: Encargado de dar formato e presentación ao traballo. Utilizará ferramentas como o LibreOffice Draw para deseñar e dar unha aparencia atractiva ao material creado.
- Coordinador: Responsable de organizar e supervisar o traballo do equipo. Rexistrará o progreso das tarefas, tomará nota das decisións do grupo e asegurarase de que todos os membros participen de forma activa e equitativa.
Recoméndase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a toma de decisións conxunta. Para iso, o profesorado que use este REA na súa aula, deberá ter presentes as seguintes pautas:
- Organiza ao teu alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de persoas con habilidades diferentes.
- Asigna a cada alumno/a unha función no grupo na que amose as súas capacidades. Podes utilizar as propostas anteriores.
- Crea un clima de traballo positivo e participativo resaltando os progresos que se realicen e acompañando nas dificultades.
Como dicimos, a diversidade nos grupos é fundamental para que o alumnado aprenda a coordinarse e traballar en equipo, desenvolvendo así habilidades de comunicación, cooperación e liderado. Este enfoque non só enriquecerá a experiencia de aprendizaxe, senón que tamén preparará ao alumnado para a colaboración en contextos laborais e sociais futuros.
Dada a heteroxeneidade do alumnado, existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.
Produtos finais
Outro dos obxectivos finais deste REA é que o alumnado desenvolva a súa creatividade e habilidades de resolución de problemas, producindo documentos instrutivos que ofrezan solución ás problemáticas formuladas en cada reto. É importante destacar que a natureza aberta e flexible deste proceso implica unha gran variabilidade nos produtos finais que poidan chegar a entregar.
A pesar de que poidan escoller o mesmo reto para resolver, a diversidade de enfoques, ideas e solucións posibles fai que cada produto final sexa único. Isto non só enriquece a experiencia de aprendizaxe, senón que tamén ofrece unha oportunidade para a análise e comparativa entre os diferentes enfoques adoptados polo alumnado.
A posibilidade de comparar e analizar os produtos finais permiten non só avaliar a creatividade e efectividade das solucións propostas, senón tamén promove o debate e intercambio de ideas entre o alumnado. Ademais, esta variedade de resultados porá de manifesto a diversidade de pensamento e enfoques dentro do grupo, o cal é un valor engadido, digno de reflexión, no proceso educativo.
En resumo, o produto final do reto non só representa a culminación do traballo do grupo, senón tamén unha oportunidade para a exploración, análise e aprendizaxe a través da comparativa de diferentes enfoques e solucións. Este enfoque fomenta a creatividade, o pensamento crítico e a colaboración entre o alumnado, preparándoos para afrontar con éxito os desafíos futuros.
Enfoque multinivel do reto
Os retos propostos presentan diferentes niveis de dificultade e a solución de cada un está condicionada polo tipo de texto instrutivo. A súa colocación no REA xa está en base a súa complexidade. Ofrécese a posibilidade de que o alumnado propoña os seus propios desafíos, fomentando a creatividade e autonomía, é o que se deu en chamar "Reto extra - Manual". A solución de cada reto condicionouse ao deseño dun tipo de texto instrutivo concreto.
Presentamos aquí unha orde dos retos en función da súa complexidade:
- Reto 1: a receita da aula. Deseña e elabora a receita de normas de convivencia da nosa aula.
- Reto 2: prospecto de EDIXGAL. Deseña e elabora un prospecto de boas prácticas para os equipamentos EDIXGAL.
- Reto 3: Guía e mapa da escola. Deseña e elabora a guía turística para o día de portas abertas ou para alguén que non coñeza o centro.
- Reto extra: manual "temática escollida polo alumnado".
A maiores disto, escoller un reto máis sinxelo de resolver pode tamén ter un compoñente multinivel en función do tipo de presentación final que decidan realizar (presentación, mural, vídeo...). Xa que este feito pode complicar a solución do reto.
Como se comentou, para dar liberdade á creatividade existe a posibilidade de solucionar un reto proposto polo propio alumnado; neste caso o modelo de texto que debe facer o alumnado é un manual.
Cada reto esta vencellado a un ODS, no caso do reto extra, como será unha proposta formulada polo alumnado, precisarán axuda do profesorado para poder detectar que aspecto poderán mellorar ao realizalo. Achégase o acceso á páxina dos ODS para poder orientar ao alumnado. Este aspecto non sería obrigatorio pero si enriquecería o reto.
Sobre a avaliación do reto
O alumnado conta con rúbricas para avaliar aspectos concretos do reto das persoas da aula. Ademais contan tamén cunha rúbrica de autoavaliación que incide en criterios de avaliación ou mínimos de consecución clave da unidade didáctica. Esta rúbrica é unha adaptación da rúbrica que ten o profesorado para avaliar o traballo final realizado polo alumnado. A rúbrica do profesorado está moito máis detalladas para fomentar unha avaliación máis minuciosa. Todos estes documentos están dispoñibles no apartado 3.2 Recursos e solucións do REA desta guía didáctica.
Desenvolvemento da competencia dixital
Dentro do proceso de aprendizaxe, é fundamental potenciar as habilidades dixitais do alumnado. Para isto, incluíronse videotitoriais que abordan conceptos básicos de ofimática, os cales son imprescindibles para a resolución eficaz do REA. Estes videotitoriais servirán como guía tendo en conta especialmente que están a utilizar equipos tecnolóxicos por primeira vez.
Os videotitoriais abranguen diversos temas, como a organización de arquivos e documentos en plataformas dixitais, manexo de ferramentas ofimáticas comúns (por exemplo, procesadores de texto e programas de presentación e para maquetar), recomendacións sobre a descarga de imaxes e a atribución das mesmas.
Este uso de recursos audiovisuais asegura que o alumnado coñeza as ferramentas e adquira o coñecemento necesario para afrontar os retos dixitais presentados ao longo do REA. O obxectivo final é formar e preparar persoas coas habilidades para afrontar os retos e demandas do mundo dixital actual e futuro.
Uso do dicionario
Ao longo do recurso, existe un glosario de palabras que pode resultar de grande utilidade para o alumnado. Ademais, en diversas seccións do REA, incentívase ao alumnado a buscar palabras no dicionario en liña da Real Academia Galega (RAG). Esta práctica non só axuda a ampliar o vocabulario, senón tamén a comprender mellor o significado e uso das palabras en contexto.
É importante destacar que, a pesar da dispoñibilidade dos recursos dixitais, tamén se recomenda que o profesorado incentive ao uso do dicionario físico. Esta recomendación permitirá ao alumnado explorar as similitudes e diferenzas entre os dous sistemas de busca.
En resumo, o uso do dicionario, tanto en formato dixital como físico, é unha práctica fundamental para o desenvolvemento das habilidades lingüísticas do alumnado. A súa utilización non só facilita a comprensión e uso correcto das palabras, senón tamén promove unha maior autonomía e enriquecemento do vocabulario dun xeito consciente.
Recomendacións lectoras da biblioteca escolar
Neste REA existen recomendacións lectoras. Optouse por facer recomendación de obras que se poden atopar en repositorios dixitais da nosa comunidade autónoma. É por iso que se aconsella o emprego das aplicacións das bibliotecas dixitais ao alcance de toda a comunidade educativa: Galicia Le e Elbe-2.
A diferencia entre ambas reside no rexistro. Por un lado, no caso de Elbe-2 nas bibliotecas escolares, o rexistro pídeo o centro que pertence ao PLANBE de bibliotecas escolares para toda a comunidade educativa contactando no seguinte correo: biblioteca@csmvigo.com. No canto das bibliotecas públicas o rexistro pode ser de dúas maneiras. Achégase un documento que afonda tanto na explicación das plataformas como no seu rexistro.
