Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para o seu desenvolvemento no pavillón, ximnasio ou patio exterior, pero algunhas actividades deberán resolverse na aula polo que desenglobaremos o material preciso para cada caso.
Material para a aula:
- Equipos informáticos para o alumnado para resolver as diferentes tarefas multinivel.
- Encerado dixital interactivo para a visualización dalgún vídeo.
- Material escolar: bolígrafos, lapis, folios, cartolinas, tesoiras...
Material para o pavillón, patio exterior ou ximnasio:
Ademais das fichas coas figuras de acrosport, audios para as danzas e bailes e outros materiais necesarias para a súa correcta execución (reprodutores de música e colchóns de protección, respectivamente), este REA incide de xeito especial no uso de ferramentas TIC para a toma de fotografías e/ou gravación de vídeos que serán subidos coma contido nas respectivas paxinas de cada grupo da rede social, polo que estas terán que estar presente durante ditas sesións motrices.
En relación ao produto final, a rede social proponse para levar a cabo en papel, combinando a creación de contido utilizando diferentes aplicacións dixitais. Se poderá descargar na sección de recursos os diferentes modelos para: portada, perfil individual, perfil de grupo, creación de contido novo fotográfico e audiovisual (a través de código QR) e sistema de interaccións (comentarios e reaccións).
Proposta de agrupamentos
Durante a Fase 2 do REA será necesario crear equipos de traballo que se manteñan ata a finalización da SA.
Se propón a creación de grupos homoxéneos e equilibrados tendo en conta os contidos a traballar: danzas e bailes, acrosport e dramatizacións; así coma a necesidade de executar diferentes roles relacionados coas redes sociais: creación de contido e gravación / edición de fotografías e vídeos.
Un punto clave que se recomenda ter en conta é garantir que existe, polo menos, un portor ou portora válidos en cada un dos grupos para que a seguridade durante a execución das figuras e pirámides sexa axeitada. A proposta xiraría en torno a repartir este rol e nomear aos portores como persoas capitás dos seus equipos, e comezar a crea estes a partir deles.
Produto final
O produto final do REA consiste na creación, por grupos, dun perfil dunha rede social creada especificamente para uso escolar, a través de diversos modelos que se poderán imprimirán para darlle formato á mesma, e que se poderán descargar na sección de recursos e solucións do REA. Non é unha rede social real como tal, é unha proposta para traballar as redes sociais na aula.
Cada grupo terá que crear unha páxina de grupo ca súa portada (engadindo unha fotografía/debuxo do perfil do grupo), elixir nome do grupo, crear os perfís individuais dos membros, e inventar tamén unha descrición xeral do grupo. Nas seguintes páxinas, irá subindo contido novo relacionado coa expresión corporal achegando imaxes, vídeos (a través de códigos QR) e comentarios que fagan referencia ao seu día a día nas sesións de Educación Física.
O alumnado inmortalizará as súas execucións durante as sesións prácticas e, unha vez seleccionado o material definitivo, o entregará ao docente para realizar as impresións oportunas (ou ben fotografías, ou ben os códigos QR que enlacen aos vídeos gravados). Unha vez entregadas as impresións de volta, deberán terminar de elaborar o contido para colgado no seu muro (nun mural, nun arquivador, nun espazo de Agueiro...).
Unha vez subido novo material, este quedará exposto ao resto dos grupos, recibindo diversas interaccións (comentarios, reaccións), coas que eles e elas mesmas poderán seguir interactuando. Así mesmo, cada un poderá comentar e reaccionar ao contido que vaian subindo os demais grupos no seu muro.
En total, como mínimo, deberán achegar (cada un dos membros), o seguinte contido para superar o reto e completar o produto final:
- 3 fotografías: foto de grupo, acrosport, emocións.
- 3 vídeos
- 5 comentarios feitos polo grupo
- 10 comentarios individuais por membro do grupo
Non obstante, e como alternativa, outra proposta que se fai é levar a cabo unha rede social dixital, seguindo o mesmo patrón de traballo anteriormente exposto, pero utilizando aplicacións coma Agueiro que permitan crear un portfolio dixitalizado que funcione de xeito similar a unha rede social tal e como as coñecemos. Esta proposta require dun certo nivel de coñecemento previo sobre o uso da plataforma escollida, co fin de axilizar as dinámicas. Neste caso, a liberdade do alumnado á hora de traballar e subir contido, a inmediatez e a estreita relación cunha rede social de verdade son beneficios a ter moi en conta, aínda que esixe un maior control do proceso de achega de contido, así coma dun dominio da plataforma, por parte do docente. Debese de garantir, sempre, o uso dunha plataforma corporativa que garanta a estanquidade do contido achegado por ser este de carácter sensible.
O voso asesor Abalar de zona pode axudarvos ca configuración do Agueiro se fose preciso.
Enfoque multinivel do reto
As actividades dixitais propostas no REA permiten unha adaptación individualizada atendendo aos intereses e coñecementos previos por parte do alumnado que as executa, permitindo chegar aos mesmos resultados a través de diferentes camiños de dificultade variable.
O reto e o produto final enfócanse nun traballo de colaboración onde o alumnado pode escoller en cales dos diferentes requisitos fotográficos ou de vídeo aparecer, axustando así o seu nivel e capacidade nos diferentes contidos traballados e achegar a súa parte para garantir acadar os obxectivos do grupo e de superación do reto.
A existencia de diferentes roles dentro do proceso (portores, áxiles, observadores, axudantes, gravadores, guías...) permite tamén que todo o alumnado poida escoller o seu propio camiño, adaptando os contidos ao seu nivel, e garantindo acadar os obxectivos educativos propostos.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe proponse como unha actividade de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que reflexionen sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.
Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital, como a man e de maneira completa, ou segmentada por fases) como o docente decida. Explicamos un pouco máis detalladas as opcións:
- Opción A: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
- Opción B: O diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir, nun momento da sesión, a fase ou apartados que se considere.
- Opción C: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
Búscase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións motrices propostas
Exprésate na rede fai unha proposta de modelo de sesións que modifica lixeiramente a estrutura das diferentes fases motrices. Para tratar a expresión corporal a través dos tres contidos principais expostos, e darlle sentido á visión xeral da situación de aprendizaxe, é necesario ter en conta as seguintes indicacións:
- Na teórica fase de animación, trataranse os bailes e danzas, presentando coreografías activas de fácil asimilación e aprendizaxe para que a realización das mesas aplique a favor do quecemento.
- Na teórica fase principal, executaranse as actividades relacionadas co acrosport, enfocándose nas habilidades motrices e capacidades físicas que ocupan unha parte importante dos criterios relacionados co REA.
- Na teórica fase de volta á calma, levaranse a cabo os contidos relacionados coas dramatizacións, tratando o recoñecemento e interpretación das emocións a través de diversas situacións deportivas descritas.
Os tempos de execución para cada fase, polo tanto, poden variar e axustarse aos requirimentos de cada grupo ou centro educativo.
Podes descargar o modelo de sesións proposto para o REA na sección recursos e solucións do REA. Recorda que son totalmente editables e que se deben adaptar ás necesidades, requirimentos e intereses de cada grupo e/ou docente.