Exprésate na rede
Exprésate na rede é un REA (Recurso Educativo Aberto) para a área de Educación Física que ten como finalidade traballar a expresión corporal a través das danzas, bailes, acrosport e dramatizacións, facendo fincapé na educación emocional á vez que exploran o uso das redes sociais. O reto desta situación de aprendizaxe centrase en experimentar como é ter unha rede social na aula, a través da gravación e difusión entre os membros da mesma aula de vídeos, fotografías, comentarios e interaccións (reaccións, emojis...).
Grazas a esta situación de aprendizaxe, o alumnado aprenderá a explorar e canalizar a expresión corporal coma un medio de comunicación efectivo. Aprenderán coreografías de diversas danzas tradicionais do mundo e de diferentes bailes considerados virais na actualidade. Afondarán no coñecemento e práctica das actividades acrobáticas do acrosport, desenvolvendo as súas capacidades físicas básicas e o seu equilibrio e coordinación. Tamén traballarán a identificación e xestión emocional a través de diversas dramatizacións relacionadas co deporte. En resumo, aprenderán a expresar, co seu propio corpo e os seus movementos, diferentes emocións, sentimentos e intencións comunicativas.
O REA "Exprésate na rede" ten como metas de aprendizaxe:
- Traballar o ritmo a través da execución de danzas populares e tradicionais doutros lugares do mundo e outros bailes.
- Practicar habilidades ximnásticas relacionadas co acrosport.
- Experimentar os recursos expresivos do corpo a través de dramatizacións de emocións relacionadas co deporte.
- Mellorar o desenvolvemento das capacidades físicas básicas, do equilibrio e da coordinación.
- Respectar as diferentes realidades corporais e mellorar a autonomía e a auto-confianza persoal.
- Usar e experimentar con diferentes ferramentas e/ou plataformas dixitais.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado cas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.