Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o uso deste recurso na aula, relativas aos seguintes aspectos:
| 1. Recursos materiais necesarios | 5. Diario de aprendizaxe |
| 2. Proposta de agrupamentos | 6. Sesións motrices propostas |
| 3. Produtos finais | 7. Tratamento da diversidade |
| 4. Enfoque multinivel do reto |
Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.
Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo: un equipo informático.
A creación da nube de palabras e lema (apartado 2.2 o lema) pode realizarse mediante o encerado tradicional, PDI ou pantalla interactiva, sen a esixencia de equipos informáticos para o alumnado. No caso de dispor de dispositivos dixitais existen plataformas que facilitan a nube de palabras e o intercambio de información entre o alumnado (crear o lema), por exemplo https://www.wooclap.com/es/ (nova xanela), que se pode utilizar sen rexistro do alumnado, ou https://livecloud.online (nova xanela), que non esixe rexistro do profesorado nin do alumnado.
Para os carteis da exposición non se determina o procedemento de elaboración. Contémplanse tres escenarios posibles:
- Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais comúns da aula.
- Con aplicacións informáticas sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración dos carteis. Hai que ter en conta que este tipo de programas non permite o traballo compartido sobre o mesmo arquivo.
- Co uso de servizos de Internet: utilización da plataforma AbalarBox como soporte para o traballo colaborativo de creación dos produtos dixitais. AbalarBox ten un módulo que permite crear presentacións que resulta adecuado para a elaboración dos carteis. Existe tamén a posibilidade de utilizar a plataforma Agueiro.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Na primeira fase créanse os equipos estables para todo o proxecto, utilízase un procedemento non dirixido, con resultados aleatorios, para o repartimento do alumnado dentro dos grupos.
Ao longo do REA fanse propostas de tarefas para o traballo colaborativo en equipo. A análise, valoración e avaliación das producións dos grupos faise tamén en grupo.
Será necesario adaptar a configuración dos grupos (número de membros) e ampliar ou unificar temas segundo as características de cada centro educativo.
Produtos finais
O REA consiste na planificación e realización dunha campaña de concienciación sobre hábitos saudables, a campaña concretarase nunha exposición situada nun espazo definido, ou itinerante, con carteis sobre 6 temáticas. Todo o alumnado debe ter o coñecemento e competencia para expoñer o traballo do seu equipo, e ser quen de explicar, nas visitas guiadas, os carteis dos outros grupos.
Temas:
- Vida activa.
- Respecto e igualdade.
- Alimentación.
- Coidado do corpo.
- Seguridade.
- Primeiros Auxilios.
Enfoque multinivel do reto
Actividades individuais:
No REA recóllense actividades individuais con diferentes características, procedemento de resolución, tipoloxía e nivel de dificultade. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades propostas, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno reflexione sobre as tarefas que desenvolveu en cada fase.
O profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Reto:
Para a superación do reto o alumnado debe desenvolver unha campaña de promoción da saúde segundo as condicións que se definen no proxecto. Como produto principal solicítase a elaboración de carteis.
Resolución do reto con procedementos alternativos á proposta do REA:
Sen equipos informáticos: elaboración de carteis en cartolina e recompilación de elementos gráficos a partir de debuxos propios ou fotografías de material impreso (catálogos, xornais, revistas etc).
Con equipos informáticos sen conexión a Internet: uso de programas informáticos para a elaboración do cartel, por exemplo LibreOffice Draw, cos elementos gráficos que ofrecen este tipo de aplicacións, e debuxos de elaboración propia.
Déixase aberta a posibilidade de ampliar os produtos do reto coa creación de podcast e vídeos para a campaña.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:
- O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
- O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Búscase ter o maior tempo de compromiso motor polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións de Educación Física de compromiso motor
As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na utilización do xogo tradicional popular como recurso e tamén como elemento de estudo.
No deseño do proxecto contémplase a realización dunha sesión de EF con compromiso motor por cada un dos temas que se traballan no REA, agás o de seguridade e prevención de accidentes. Esta planificación debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles. Será a persoa docente a que tome a decisión de redefinir as sesións motrices, por este motivo no REA dirixido ao alumnado non se inclúen modelos de sesións de EF como a que se reflicte neste documento.
Modelo de sesión para esta situación de aprendizaxe:
| Sesión de EF | Recursos |
|---|---|
|
Tarxetas con alimentos, en formato PDF (nova xanela). Tarxetas con alimentos en formato de edición. Tarxetas con alimentos e números, en formato PDF (nova xanela). |
Documento modelo para o deseño das sesións de EF (ODT)
Tratamento da diversidade
| Apartado | Orientacións |
|---|---|
|
2.1. Un mundo de anuncios |
Solicitar ao alumnado que preste atención aos modelos que aparecen na publicidade. Iniciar un debate sobre o tipo de persoa que está máis presente na publicidade. Debater sobre a forma de presentar á muller na publicidade. |
|
2.2. O lema |
Reflexionar sobre o número de palabras positivas e negativas que se recolleron na actividade. |
|
3.5. Temas: alimentación |
Solicitar ao alumnado que reflexione sobre os anuncios de alimentos. Como son os anuncios dos alimentos ultraprocesados? Nos anuncios destácanse os beneficios do alimento? |
|
3.5. Temas: respecto e igualdade |
Pedir ao alumnado que reflexione sobre o dereito á igualdade de trato e de oportunidade para tódalas persoas, independentemente das súas características físicas, procedencia, orientación sexual, e outras. |
|
Exemplo de sesión de EF |
Os modelos que se ofrecen como exemplos de sesións de EF de compromiso motor inclúen un apartado para o tratamento da diversidade no alumnado, con propostas de adaptacións e variantes. |