Eixes da proposta didáctica
A área de Educación Física fundamentase na adquisición das capacidades que contribúan ao desenvolvemento persoal e a unha mellor calidade de vida. É unha área que se dirixe ao coñecemento progresivo da conduta motora e á adquisición de actitudes, valores e normas referentes ao corpo e ao movemento.
Esta área participa tamén no consecución de diversos fins educativos na Etapa de Educación Primaria: socialización, autonomía, aprendizaxes básicas e mellora das posibilidades expresivas, cognitivas, comunicativas e lúdicas. A Educación Física está especialmente indicada para integrar todo tipo de alumnado e resulta idónea cara ao tratamento da diversidade na aula, fomenta a coeducación e promove a igualdade de oportunidades para ámbolos sexos.
Debemos lembrar que a Educación Física non é unha simple aprendizaxe de movementos, senón un camiño cara á educación integral e que utiliza o movemento como axente pedagóxico con diversas funcións: de coñecemento, de organización perceptiva, anatómico-funcional, estético-comunicativa, de relacións persoais, agonística, hixiénica, hedonista, de compensación e catártica.
Este REA contribúe a uns dos obxectivos principais da área: fomentar a adquisición dun estilo de vida activo e saudable, que lle permita ao alumnado chegar a consolidar hábitos e perpetualos ao longo da súa vida. Estes mesmos hábitos de vida saudable son a clave para evitar o sedentarismo e a obesidade contribuíndo a ter calidade de vida. Resulta prioritario inculcar ao noso alumnado que a actividade física ten que estar no presente e no futuro do seu día a día.
Para abordar con posibilidades de éxito as numerosas situacións motrices ás que se verá exposto o alumnado ao longo da súa vida, será preciso desenvolver, de maneira integral, capacidades de carácter cognitivo e motor, pero tamén afectivo-motivacional, de relacións interpersoais e de inserción social. Deste xeito, o alumnado terá que aprender a xestionar as súas emocións e as súas habilidades sociais en contextos de práctica motriz.