Recursos materiais necesarios
Aínda que o REA fai uso de plataformas dixitais en liña, como visores de mapas, e unha aplicación para crear o mapa dixital interactivo, no caso de non dispoñer dos recursos tecnolóxicos adecuados sería posible unha adaptación das tarefas do REA para a utilización de materiais de uso común nun centro educativo como a cartolina para a creación dun mapa da ruta e a incorporación das fotografías impresas.
Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo das fases 2 e 3: un equipo informático.
O REA ofrece a posibilidade para o alumnado da produción de elementos para as sesións de EF e a realización de actividades de orientación durante a marcha. A construción destes recursos pode integrarse noutras áreas ou iniciativas do centro educativo como o uso do Polo Creativo.
Recomendacións de procedementos de resolución das tarefas propostas segundo os tres tipos de recursos:
- Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais comúns da aula.
- Con aplicativos sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración do mapa da ruta, planos e elementos informativos.
- Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma UMAP, AbalarBox e a galería de imaxes do centro educativo como soporte para o traballo colaborativo de creación dos produtos dixitais.
As plataformas non corporativas que se citan: UMAP, Mapant, OOMap, "Mapa a la carta", visores de mapas, comparador de ortofotos, son de uso libre e non esixen o rexistro das persoas usuarias.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado.
Durante a aplicación do REA fórmanse 4 equipos estables aos que se asignan misións.
No caso dun número baixo de nenas e nenos no grupo recoméndase manter os 4 equipos.
Produtos finais
O REA consiste na preparación dunha ruta pola contorna da localidade que cumpra unha serie de criterios que se presentan ao alumnado co acrónimo PASEA (ruta que debe ser práctica, accesible, segura, ecosostible e amena), para divulgar a ruta elaborarase un mapa dixital interactivo e varios elementos informativos. Tamén existe a posibilidade de construír recursos para as sesións de compromiso motor e a ruta.
Xa que este REA traballa conceptos de orientación e investigación na contorna natural e urbana, ofrécese ao alumnado un xogo de procura dentro do REA similar a algunha das propostas lúdicas para a ruta. Este xogo consiste na localización das fotografías utilizadas no REA que inclúen a imaxe da ra Gaspar.
Enfoque multinivel do reto
Tanto os retos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións con diferente nivel de dificultade. O alumnado escollerá segundo o seu criterio, ou as instrucións da persoa docente, calquera das actividades individuais, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno expliquen, si así o considera, os motivos da elección.
O profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:
- Opción A: O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- Opción B: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
- Opción C: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Búscase ter o maior tempo de compromiso motor polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións de Educación Física de compromiso motor
As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na preparación de actividades para a ruta, relacionadas cos contidos teóricos do REA.
Modelo de sesión para esta situación de aprendizaxe:
Exemplo de sesión sobre resistencia en formato pdf (nova xanela). Formato de edición.
Propostas de actividades para as sesións de compromiso motor:
Orientación deportiva no cole, en formato pdf (nova xanela).
Orientación deportiva no cole, formato de edición.
Anexo "O código secreto" (nova xanela).