En marcha
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado co fin de ofrecer ao alumnado un proxecto de traballo colaborativo sobre a contorna natural e urbana, e a organización de actividades físicas fóra do recinto escolar. Tódalas iniciativas que se propoñen no REA teñen como elemento esencial a preservación dos espazos naturais nunha procura da sensibilización do alumnado cara a aspectos como o impacto ambiental, a sostibilidade e a posta en valor da contorna sen transformación.
Metas de aprendizaxe:
- Saber adaptar as accións motrices á incerteza do medio.
- Planificar actividades físicas lúdicas en contornas naturais e urbanas.
- Recoñecer contextos de risco e saber adoptar medidas de seguridade.
- Fomentar o traballo cooperativo en equipo.
- Aprender a organizar actividades lúdicas na contorna natural e urbana.
- Usar dispositivos e plataformas dixitais para a investigación, a creación e a comunicación.
- Identificar dificultades e formular propostas de mellora.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases.
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.