Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o uso deste recurso na aula, relativas aos seguintes aspectos:
| 1. Recursos materiais necesarios | 5. Diario de aprendizaxe |
| 2. Proposta de agrupamentos | 6. Sesións motrices propostas |
| 3. Produtos finais | 7. Tratamento da diversidade |
| 4. Enfoque multinivel do reto |
Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.
Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo das fases 2 e 3: un equipo informático.
Para a construción do xoguete: material diverso segundo as características do produto que escolla a alumna ou alumno. No REA ofrécese unha proposta accesible e doada de elaborar con material común.
Para os produtos dixitais da fase 4 non se determina o procedemento de elaboración. Recomendacións segundo a dispoñibilidade de recursos:
- Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, cola e outros materiais comúns da aula.
- Con aplicacións informáticas sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración dos carteis, pulseiras, rótulos e invitacións. Hai que ter en conta que este tipo de aplicacións informáticas non permite o traballo compartido sobre o mesmo produto.
- Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma AbalarBox como soporte para o traballo colaborativo de creación dos produtos dixitais.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado.
Na fase 3 o alumnado organiza grupos heteroxéneos para iniciar os pasos de preparación da festa do xogo. A cada grupo asígnase unha ou varias categorías de xogos (evitamos utilizar o termo grupo de xogos) para investigar, seleccionar e facer propostas de xogos para a festa. Durante as sesións de Educación Física os grupos serán os responsables de explicar os xogos e recoller valoracións para seleccionar cada xogo para a festa.
No REA non se fai mención ao número de alumnas e alumnos que integran cada grupo pois dependerá da totalidade do alumnado. De ser posible o número debería estar en torno a 6, aínda que iso supoña a redución de grupos.
Produtos finais
O REA consiste na planificación e realización dunha festa do xogo para todo o colexio, ese será o produto final, pero tamén existen dous pequenos retos que se propoñen ao alumnado:
- Reto do xoguete: construción individual, ou con axuda externa, dun enredo. Esta tarefa preséntase en formato multinivel, con varios exemplos con grao de dificultade crecente.
- Cole animado: proposta de reto para o grupo-clase. Non existen indicadores para valorar a resolución do reto.
Enfoque multinivel do reto
Tanto os retos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións con diferente nivel de dificultade. O alumnado escollerá segundo o seu criterio, ou as instrucións da persoa docente, calquera das actividades individuais, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno expliquen, se así o considera, os motivos da elección.
O reto de construír o xoguete preséntase tamén con tres opcións de diferentes niveis de dificultade.
O profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Este recurso pretende que as alumnas e os alumnos recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que aprenden (estreitamente ligado coa competencia aprender a aprender). Pero é tamén un instrumento útil para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a práctica docente e adaptarse mellor ás características do alumado.
No diario de aprendizaxe reflíctense cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da área de EF, o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de forma dixital como en papel, e de maneira completa ou segmentada por fases) como a persoa docente decida:
- O diario impreso en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e as nosas alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- O diario entregado por fases, segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
- O diario para completar directamente no ordenador e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (ficheiro enteiro).
Procúrase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese artellar a maneira de utilizalo en base ás características do alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións de Educación Física de compromiso motor
As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na utilización do xogo tradicional popular como recurso e tamén como elemento de estudo.
A planificación das sesións que se describen no apartado "1.4. A planificación da festa" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles. Tendo en conta esa proposta as sesións de EF de compromiso motor estarán dedicadas a cada unha das categorías de xogos e á preparación das danzas escollidas. No caso dos xogos seleccionados para a festa, procurarase que sexa o alumnado quen presente, organice e dirixa a sesión.
Modelos de sesións para esta situación de aprendizaxe:
Exemplo de sesión sobre xogos de lanzamento e recepción en formato PDF (nova xanela). Formato de edición.
Exemplo de sesión sobre xogos de persecución (nova xanela). Formato de edición.
Documento modelo para o deseño das sesións de EF. (Formato de edición).
Tratamento da diversidade
| Apartado | Orientacións |
|---|---|
|
2.2. Abride os ollos O cadro de Brueghel |
Solicitar ao alumnado que preste atención ás persoas que practican os xogos: Iniciar un debate sobre a existencia de xogos para nenas e xogos para nenos. Debater sobre a diferenciación dos xogos por clases sociais. |
|
3.3. Escollemos os xogos |
Revisar ideas preconcibidas sobre o xogo tradicional popular. Iniciar debate sobre a presenza dos xogos tradicionais populares nas actividades lúdicas actuais de todos e de todas. |
|
3.5. Xogos de sempre, A billarda adaptada |
Solicitar ao alumnado que reflexione sobre as causas que fan necesarias as adaptacións dos xogos. Introducir o concepto de acceso universal ao xogo como dereito da infancia. |
|
Exemplos de sesións de EF |
Os modelos que se ofrecen como exemplos de sesións de EF de compromiso motor inclúen un apartado para o tratamento da diversidade no alumnado, con propostas de adaptacións e variantes. |