A festa do xogo
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado co fin de ofrecer ao alumnado un proxecto de investigación e creación sobre o xogo tradicional popular, o deporte autóctono e as danzas tradicionais de España e Galicia. A concreción do contexto parte dunha reflexión do alumnado sobre o uso intensivo de dispositivos dixitais que reducen o tempo dedicado a outras actividades ata o punto de ter un impacto negativo sobre a actividade física. Non se pretende crear unha contraposición entre o uso da tecnoloxía e a actividade física. A intención é trasladar ás nenas e nenos a necesidade de equilibrar os tempos e de incidir nas vantaxes do xogo de sempre como elemento fundamental de ocio.
Un obxectivo primordial deste REA é presentar o xogo tradicional popular como un divertimento actual, non como unha serie de actividades lúdicas do pasado merecedoras de estudo e recompilación, por este motivo utilízase con frecuencia a expresión
"xogo de sempre" coa intención de afianzar no alumnado a idea de que o xogo tradicional popular é actual e non propio de xeracións pasadas.
Metas de aprendizaxe:
- Coñecer e practicar "xogos de sempre".
- Descubrir e investigar xogos e deportes autóctonos.
- Practicar danzas tradicionais de Galicia e o resto de España.
- Fomentar o traballo cooperativo en equipo.
- Aprender a organizar unha actividade lúdica.
- Usar dispositivos e plataformas dixitais para a investigación, a creación e a comunicación.
- Identificar dificultades e formular propostas de mellora.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo desta, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases.
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.