Saltar navegación

3. Guía de uso

Unha parada antes de comenzar

O REA "Catro vellos mariñeiros" ten como finalidade mostrar os conceptos básicos das funcións, a súa representación gráfica no plano cartesiano, e relacionalas coa proporcionalidade directa e as porcentaxes. O alumnado adquirirá novo vocabulario matemático, aprenderá a modelizar situacións da vida cotiá representadas por funcións lineais e mapas de puntos. 

Neste proceso aprenderá a promover actitudes vinculadas ao traballo en equipo, a inclusión, o respecto e a diversidade.

Os diferentes bloques deste REA están pensados tendo en conta o Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA), presentando a información en distintos formatos tentando chegar ao maior número de realidades individuais do estudantado.

As actividades propostas neste recurso parten da necesidade de achegar ao alumnado á modelización de funcións e a súa representación gráfica no plano de coordenadas.

A través dunha historia gamificada, o alumnado relacionará catro sentidos matemáticos (numérico, xeométrico, alxébrico e socioafectivo) para buscar un tesouro traído polo barco "Catro vellos mariñeiros". 

O profesorado que desexe utilizar este recurso na aula terá a posibilidade de realizar unha situación de aprendizaxe cun novo enfoque educativo que mestura actividades de lapis e papel, actividades de modelización ou actividades que permiten un contacto con software matemático tal como Geogebra ou ben follas de cálculo.

Finalmente o alumnado, traballando en grupos, terá que construír unha busca do tesouro polo instituto para que apliquen os contidos aprendidos tanto na súa realización como na resolución das buscas feitas polo resto dos grupos da clase.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)