Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
No apartado "3.2. Recursos e solucións do REA" desta guía atópase un compendio de documentación relevante para o profesorado, cuxo obxectivo é facilitar o desenvolvemento do REA na aula. Neste inclúese:
- Material descargable da unidade.
- Solucionarios de actividades.
- Rúbricas de avaliación.
É preciso contar con conexión á rede para a busca de información, visualización de vídeos e para desenvolver actividades co software matemático GeoGebra, tamén é necesaria para poder ver correctamente as expresións matemáticas que estean escritas en latex.
Con respecto aos recursos materiais necesarios para o alumnado debemos ter en conta o seguinte:
As actividades (individuais e grupais) que se presentan son diversas, algunhas están pensadas para realizarse en formato dixital e outras en formato papel.
No REA do alumnado, están dispoñibles:
- Un diario de aprendizaxe dixital en formato editable.
- Material descargable, onde se atopa un resumo dos contidos tratados no REA.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Nas actividades grupais preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa, intentando favorecer a súa autonomía persoal. Por esta razón, estas actividades van acompañadas dunha ficha adaptada para garantir que o traballo grupal se desenvolve correctamente. Ademais, facilítase ao profesorado unha guía para a formación de grupos que favoreza a implementación deste REA na aula:
Unha plantilla de axuda para a formación de grupos baseada na presentada no REA ao alumnado.
Avaliación
Como instrumentos de avaliación, o REA dispón de rúbricas para analizar o traballo individual e en equipo.
Non se inclúen nel as probas escritas recomendadas dentro da programación didáctica que figura no aplicativo PROENS.
Produtos finais
O reto final é unha tarefa grupal na que cada equipo terá que deseñar e probar xogos, trucos e outras actividades para unha das casetas desta edición da Festa do Patrón (cada grupo elixirá que caseta vai organizar). As actividades propostas deberán ser orixinais, aínda que poden estar inspiradas polas que foron resoltas ao longo do REA, e para a súa elaboración pódense empregar distintos materiais (cartolina, caixas de cartón, fichas, balanzas, pequenas figuras, etc).
A forma de presentación do traballo unha vez rematado tamén é múltiple: cada equipo resolve as actividades dos demais dentro da aula; a clase invita ao resto do alumnado a participar das actividades nunha feira matemática a nivel de centro ou, incluso, sácanse as "casetas" á rúa para abrir as actividades ao público xeral.
Enfoque multinivel do reto
O carácter aberto do produto final permitirá que o alumnado participe activamente, podendo empregar distintas temáticas e materiais para a súa elaboración, e diversos medios para a posterior presentación e difusión (seguindo os principios DUA).
Posibilidade de ampliación
Tendo en conta que na LOMLOE non consta explicitamente a resolución de ecuacións de primeiro grao con denominadores, optamos por non incluílas neste REA. Aínda así, para o caso no que o profesorado prefira introducir este tipo de ecuacións neste curso, achegamos a continuación unha serie de enlaces a webs externas onde se traballa este contido:
Ecuacións de 1º grao con denominadores (1): https://www.geogebra.org/m/cbxdjvvj
Ecuacións de 1º grao con denominadores (2): https://www.geogebra.org/m/kwgj4xyy
Ecuacións de primeiro grao con denominadores: https://emtic.educarex.es/crea/matematicas/ecuaciones_primer_segundo_grado/41_ecuaciones_de_primer_grado_con_denominadores.html
Ecuacións con denominadores de primeiro grao: https://mediateca.educa.madrid.org/video/5fkbilbxbncl5ipb/fs
