Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
- Equipo Informático: para o seguimento deste REA é preciso contar cun equipo con conexión a Internet por cada dous estudantes, aínda que é recomendable ter un equipo por persoa. O software demandado é de carácter libre e está instalado nos equipos Abalar da Consellería ou dispoñible en liña:
- Kit de construción de circuítos eléctricos de PHET (Universidad de Colorado) Creative Commons Attribution 4.0 license (CC BY 4.0): Versión en castelán aloxada no banco de recursos cREAgal (https://www.edu.xunta.gal/centros/creagal/pluginfile.php/3009/mod_resource/content/1/circuit-construction-kit-dc_es.html), que permite construír circuítos eléctricos sinxelos.
- Simulador de electricidade e electrónica de TINKERCAD. Permite realizar circuítos eléctricos mais complexos. Recoméndase a creación e uso dunha conta educativa para o docente e a posterior creación de contas con datos non identificativos para o alumnado do xeito que se explica no seguinte vídeo:
- Aula-taller: é moi recomendable ter dispoñible unha aula-taller, como a dotada para o departamento de tecnoloxía, para realizar a fase de construción da maqueta.
- Materiais e ferramentas: precisarán como material principal cartón (preferiblemente de refugallo e de dúas capas), regra, lapis, pegamento, cables, latas para facer contactos, diferentes actuadores eléctricos e pilas, placa solares ou outros xeradores.
Agrupamentos
Neste REA propóñense actividades individuais e grupais, considerando as seguintes premisas:
Recoméndase a creación de grupos de 3-5 alumnos/as, de xeito que elixan, ou se lles asigne polo profesorado, un dos desafíos propostos. Logo, terán que expoñer o seu resultado ao resto de compañeiras/os.
O groso do traballo realízase en actividades grupais onde se pretende que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto, preténdese que aprendan a coordinarse na realización de tarefas e aumenten a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que implemente este REA na súa aula considerando as seguintes pautas:
- Organizar ó alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos nos que cada un pon o seu gran de area, dende os máis proactivos, líderes, organizativos aos máis pasivos, non colaborativos, etc.
- Asignar a cada alumno/a unha función no grupo, que lle permita amosar e poñer en xogo as súas capacidades.
- Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Tamén existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.
Produtos finais
O produto final deste REA é o deseño e montaxe dun circuíto eléctrico que mellore un dos proxectos construídos este curso (estruturas, mecanismos, etc.), de xeito que lle dean un "toque máxico".
O alumnado deberá idear, deseñar e montar un circuíto eléctrico, de diferentes niveis de dificultade, que mellore un proxecto dos realizados este curso escolar. Algunhas ideas son: motorizar o funcionamento de mecanismos, poñer un circuíto de luces indicativas de estados, circuítos de alumeamento ou balización de estructuras, etc.
O circuíto deberá estar controlado cun o varios elementos de manobra (pulsador, interruptor ou conmutador) construídos polo alumnado, e que o seus actuadores lle proporcionen unha mellora ó proxecto orixinal.
Enfoque multinivel do reto
Así establécense 4 niveis para os circuítos eléctricos propostos:
- Nivel 1: dispón dun elemento de control “máxico” (orixinal e construído polo alumnado) e un receptor.
- Nivel 2: dispón de dous elementos de control “máxico” (orixinais e construídos polo alumnado) e un receptor.
- Nivel 3: dispón dun elemento de control “máxico” (orixinal e construído polo alumnado) e dous receptores independentes en paralelo, controlados con un conmutador.
- Nivel 4: dispón dun elemento de control “máxico” (orixinal e construído polo alumnado) e dous receptores independentes en paralelo, controlados con un conmutador e un elemento innovador (peza impresa en 3D ou corte láser, etc.) ou unha fonte de enerxía renovable.
