Saltando barreiras
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 5 -dun total de 8- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Educación Física de 5º de Educación Primaria.
A situación de aprendizaxe propón unha reflexión sobre as barreiras arquitectónicas e actitudes que limitan a participación de todas as persoas na actividade física, fomentando a creatividade para deseñar propostas accesibles. O alumnado explora múltiples situacións motrices a través do salto á corda, o parkour adaptado e a creación de circuítos de habilidades, conectando a práctica física con valores de empatía, superación e inclusión. Trabállanse as capacidades físicas básicas (forza, resistencia, coordinación, equilibrio), a xestión do risco e a seguridade no movemento, así como o respecto pola diversidade de habilidades e a importancia do coidado do material e da contorna.
O reto final consiste en deseñar, construír e probar un circuíto motriz inclusivo que poida ser utilizado por todas as persoas, independentemente do seu nivel de habilidade ou condición física. Cada equipo deberá planificar as estacións do circuíto (saltos, equilibrios, trepas, desprazamentos), adaptar os materiais e as normas para garantir a accesibilidade e elaborar unha guía visual ou vídeo explicativo para facilitar a súa utilización.